Estás en:Novas

A Deputación da Coruña e unha delegación de alcaldesas e alcaldes de Polonia exploran vías de cooperación económica, social e cultural

Representantes políticos da rexión polaca de Varmia e Masuria interesáronse polos programas de promoción exterior do Camiño Inglés que desenvolve a Deputación

A Deputación da Coruña e unha delegación de alcaldesas e alcaldes de Polonia exploran vías de cooperación económica, social e cultural

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, mantiveron esta mañá un encontro cunha ampla delegación institucional de alcaldes e alcaldesas de Polonia para estudar posibles colaboracións nos ámbitos económico, social e cultural entre o Distrito de Olsztyn e a Deputación Provincial da Coruña, así como coa Cámara de Comercio e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).

A visita enmárcase no convenio de cooperación subscrito entre a Cámara de Comercio Polaco-Española e a CEG, e forma parte dunha viaxe institucional que a delegación polaca realiza a Galicia entre o 6 e o 9 de outubro.

Durante a reunión, a representación polaca amosou especial interese polos programas de promoción do Camiño Inglés, tanto pola súa relevancia cultural e turística como polo seu potencial para fortalecer lazos entre Galicia e a rexión polaca de Varmia e Masuria, de fonda tradición peregrina e espiritual.

A delegación polaca estivo encabezada por Katarzyna Sobiech, vicemariscal do Voivodato de Varmia e Masuria, e Andrzej Abako, presidente do Distrito de Olsztyn e da Asociación de Cidades, Municipios e Distritos "Sendero de la Santa Warmia". Xunto a eles participaron representantes de diferentes distritos e municipios, así como Zuzanna Gołebiewska, directora xeral da Cámara de Comercio Polaco-Española.

O encontro serviu tamén para analizar posibles intercambios en materia de desenvolvemento local, cooperación empresarial, promoción turística e programas europeos conxuntos, co obxectivo de estreitar os vínculos entre ambas rexións e abrir novas oportunidades de colaboración institucional e económica.