Espazo Nature, un modelo de turismo sostible recoñecido nos Premios PEL, recibe a visita da deputada Rosa Ana García
Un refuxio único entre Razo e Baldaio que combina natureza, benestar e sustentabilidade como eixos do seu modelo turístico

A deputada de Industria, Empresa, Medio Ambiente, Emprego e Política Demográfica da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, visitou hoxe Espazo Nature, en Razo (Carballo), un proxecto pioneiro de turismo sostible galardoado co Primeiro Premio PEL 2025.
O recoñecemento, concedido pola Deputación este verán, distingue o labor de Espazo Nature como exemplo de innovación, responsabilidade ambiental e dinamización económica do medio rural, ao ofrecer unha proposta turística que integra a natureza, o benestar e o respecto polo entorno.
Durante a súa visita, Rosa Ana García destacou que "proxectos coma Espazo Nature demostran que é posible xerar emprego e riqueza no rural apostando pola sustentabilidade e o turismo responsable". A deputada puxo en valor tamén o papel deste tipo de iniciativas á hora de crear emprego verde e reforzar a imaxe de Galicia como destino comprometido co medio ambiente e coa calidade de vida.
Un refuxio sostible a cinco minutos da praia de Razo
Situado entre as impresionantes vistas ao mar de Razo e a lagoa de Baldaio, Espazo Nature ofrece unha experiencia única para quen busca desconectar, revitalizarse e conectar coa natureza. O complexo foi deseñado baixo criterios de sustentabilidade: emprega enerxías renovables, promove a eficiencia enerxética e aposta por materiais de construción respectuosos co entorno, reducindo ao mínimo o impacto ambiental.
O proxecto, ademais de ser un modelo de turismo responsable, contribúe á creación de emprego local e á reactivación económica da contorna rural, converténdose nun referente de como o desenvolvemento empresarial pode ir da man da protección ambiental.
A visita da deputada serviu tamén para explorar posibles colaboracións futuras entre o sector público e o privado que permitan replicar o modelo noutros territorios galegos. "Espazo Nature é unha mostra de que o futuro do turismo pasa pola sustentabilidade, pola innovación e pola posta en valor do noso patrimonio natural", engadiu Rosa Ana García.
Co respaldo do Premio PEL e o seu crecemento constante, Espazo Nature consolídase como un referente galego de turismo verde, un espazo no que a natureza e o benestar conviven en harmonía.