Estás en:Novas

O FEM 2025 comeza en Dumbría coa inauguración da mostra fotográfica 'Coreografías do facer'

O Festival Escena Muller, organizado por aAntena Teatro co apoio da Deputación da Coruña, celebrarase desde hoxe ata o 26 de outubro nos concellos de Camariñas, Dumbría e Vimianzo, e combinará propostas escénicas, accións ambientais, espazos de coidado, obradoiros, encontros interxeracionais e iniciativas de recuperación da memoria

"Esta exposición", salientou a deputada de Igualdade Sol Agra no acto institucional que abriu o festival, "representa moita da filosofía coa que naceu o FEM: a visibilidade das mulleres e a súa posta en valor a través da exposición cultural con impacto no territorio"

O FEM 2025 comeza en Dumbría coa inauguración da mostra fotográfica 'Coreografías do facer'

O Festival Escena Muller abriu a súa quinta edición hoxe no albergue do Conco (Dumbría) coa inauguración da exposición fotográfica 'Coreografías do facer', nun acto institucional no que participaron a deputada de Igualdade, Sol Agra, representantes institucionais dos concellos implicados e diversas entidades colaboradoras.

Comisariada por Ana Estévez Lavandeira, do equipo do Museo do Pobo Galego, a mostra reúne unha coidada selección de fotografías históricas realizadas polo folclorista e antropólogo danés Gustav Henningsen entre 1965 e 1968, que documentan o labor feminino nas vilas e aldeas de Galicia. As imaxes forman parte do arquivo da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico e puideron verse nos últimos anos en concellos como Mesía, Vilasantar ou Chantada. En Dumbría estarán expostas durante todo este mes.

"Esta exposición", salientou Agra na súa intervención, "representa moita da filosofía coa que naceu o festival: a visibilidade das mulleres e a súa posta en valor a través da exposición cultural con impacto no territorio".

Sobre o FEM, a deputada de Igualdade valorou especialmente "dous aspectos que non atopamos noutros festivais culturais". "O primeiro", dixo, "que as actividades se desenvolvan en diferentes espazos; tanto no territorio, o dos concellos de Camariñas, Vimianzo e Dumbría, coma nos recintos onde se celebren as propostas; uns, máis convencionais, como as casas de cultura e os auditorios; outros, máis expositivos, coma os museos; e outros, de paso e encontro, coma as prazas, os paseos marítimos ou mesmo os adros".

O segundo dos aspectos do festival ao que Agra concedeu importancia é que a programación poida gozala "non só o público xeral, senón tamén o máis novo". "Achegar as artes escénicas aos CEIPS e os IES", dixo, "permitirá a implicación da rapazada, contribuirá a construír un futuro máis concienciado e tamén lle abrirá a ese público novo a porta a coñecer artistas da súa contorna que lles poidan servir de inspiración para as súas inquedanzas creativas".

A deputada rematou agradecéndolle a aAntena Teatro, organizadora do festival co patrocinio da Deputación, a elección da Costa da Morte como sede desta quinta edición. "Pola implicación persoal que teño con el polo meu traballo en Muxía desde hai máis de vinte anos e pola súa relación histórica co saber popular; neste mesmo ano no que se homenaxearon as cantareiras, como memoria viva de tradición oral e pola recoñecida capacidade de resistencia das mulleres desta terra para manter a cultura e a fala do noso país".

Programa FEM
Coa dirección de Xosé Leis e Bernardino Martínez, o Festival Escena Muller 2025 desenvolverase desde hoxe ata o 26 de outubro nos concellos de Camariñas, Dumbría e Vimianzo, combinando propostas escénicas, accións ambientais, espazos de coidado, obradoiros, encontros interxeracionais e iniciativas de recuperación da memoria, coa vontade de facer da cultura unha ferramenta de transformación colectiva. Entre os nomes protagonistas do programa están os de Iria Sobrado, Estíbaliz Espinosa, Esther Carrodeguas, Iria Pinheiro, Noelia Darriba ou Lupe Blanco.

Esta edición aposta pola Costa da Morte como escenario vivo, recoñecendo o potencial cultural de concellos como Camariñas, Dumbría e Vimianzo, que, segundo a organización, "comparten un forte vínculo coa memoria e co territorio, e unha relación histórica co saber popular, a palabra e a resistencia cultural e comunitaria das mulleres".