A Deputación da Coruña participa na XII edición de Exporpymes, que reúne 60 importadores de 25 países e 70 pemes galegas

A deputada de Mar e Medio Rural da Deputación da Coruña, Cristina Capelán, participou hoxe no Hotel NH Collection Finisterre na inauguración da XII edición de Exporpymes, o encontro internacional de negocio organizado pola Cámara de Comercio da Coruña, que este ano reúne 60 importadores procedentes de 25 países e 70 pemes galegas dos sectores da alimentación, bebidas e saúde.
No acto participaron tamén o tenente de alcaldesa do Concello da Coruña e deputado provincial, José Manuel Lage Tuñas, o director xeral da consellería do Mar, Cándido Rial, a directora xeral do Igape, Covadonga Toca e o presidente da Cámara de Comercio da Coruña, Antonio Couceiro.
Durante a súa intervención, Cristina Capelán destacou que Exporpymes "é unha das citas máis importantes para a internacionalización das nosas empresas" e felicitou á Cámara da Coruña por "manter vivo este proxecto e seguir ofrecendo ás nosas pemes un espazo real de conexión co mundo".
A deputada subliñou que Galicia é "unha potencia agroalimentaria e mariña, recoñecida pola calidade dos seus produtos, pola sustentabilidade das súas prácticas e polo seu compromiso coa innovación", e que as empresas galegas "están a demostrar que é posible competir no mundo sen renunciar á orixe, á calidade nin á responsabilidade ambiental".
Neste sentido, Capelán reivindicou o modelo económico que promove a Deputación da Coruña, "baseado nun crecemento que xere riqueza e emprego, pero que tamén coide do territorio e das persoas". Engadiu ademais que a internacionalización "é unha peza esencial para o desenvolvemento económico e o equilibrio territorial, porque cada vez que unha pequena empresa galega abre mercado no exterior, tamén exporta a nosa identidade, o noso saber facer e o valor das nosas comarcas".
A deputada destacou tamén a importancia da cooperación institucional e empresarial que representa Exporpymes, "un foro que permite abrir portas, xerar alianzas e fortalecer a imaxe de Galicia como territorio innovador, sostible e competitivo".
Cristina Capelán concluíu a súa intervención destacando o papel da provincia da Coruña como motor económico, social e cultural de Galicia, e recoñecendo o traballo das empresas "grandes e pequenas, das persoas que arriscan e innovan, e do apoio conxunto das administracións".
"As nosas pemes son as mellores embaixadoras de Galicia e da Coruña alá onde van. Deséxolles moito éxito e que esta edición de Exporpymes sirva para abrir novos camiños e consolidar o prestixio de Galicia no mundo", rematou a deputada.