Estás en:Novas

A Deputación inviste en Mugardos 940.000 € en 2025 a través do Plan Único

A deputada de plans provinciais e asistencia a municipios, Cristina García Rey, estivo esta mañá no municipio, onde presentou os investimentos da entidade provincial para obras e servizos de Mugardos e de toda a comarca de Ferrolterra

"O Plan Único permite que se leven a cabo obras tan importantes como esta Casa da Cultura, e é, agora mesmo, a principal ferramenta de financiamento local dos nosos concellos", salientou a deputada, destacando que "en total, destina 116 millóns de euros para os 93 concellos da provincia"

A Deputación inviste en Mugardos 940.000 € en 2025 a través do Plan Único

Mugardos acolleu esta mañá a visita da deputada de plans provinciais e asistencia a municipios, Cristina García, que estivo acompañada do concelleiro de obras, Jorge Kuntz Peiteado, e parte da corporación municipal. A deputada presentou os investimentos da Deputación a través do Plan Único no municipio, que alcanzan os 940.126,62 €, que forman parte dos 28.130.562,87 € destinados a toda a comarca de Ferrolterra e dos 116 millóns para os 93 concellos da provincia.

A deputada tamén visitou a Casa da Cultura de Mugardos, que foi remodelada recentemente con fondos da Deputación favorecendo o seu illamento térmico e mellorando a súa eficiencia enerxética, e puxo en valor a relevancia do Plan Único para os concellos da provincia, pois "permite financiar obras tan importantes como esta, así como servizos fundamentais para a veciñanza e é, agora mesmo, a principal ferramenta de financiamento local dos nosos concellos".

"Ante o exceso de competencias municipais que superan con moito os recursos dispoñibles e o infrafinanciamento que sofren os nosos concellos, dende a Deputación promovemos este Plan, que reparte os fondos provinciais con criterios absolutamente obxectivos, e que lles permite distribuílos con total autonomía en función das súas prioridades", sinalou a deputada.

García Rey engadiu que "o máis importante de todo isto é que repercute moi positivamente na calidade de vida e no benestar da veciñanza. Esta mellora da Casa da Cultura que vemos hoxe, ou a do pavillón municipal, da que poden gozar todos os mugardeses e mugardesas, é so un dos múltiples exemplos de obras cun grande impacto social, e tamén económico, pois ao fomentar a contratación de pequenas e medianas empresas de construción, enxeñerías e outras de sectores relacionados tamén estamos contribuíndo ao desenvolvemento do tecido empresarial local, xerando oportunidades de emprego e impulsando a fixación de poboación".