A Deputación da Coruña reivindica a importancia da educación inclusiva na clausura do Congreso “Construíndo o futuro da educación” de Down Galicia
A deputada de Política Social, Mar García Vidal, participou no acto
A Deputación da Coruña participou este sábado na clausura do congreso "Construíndo o futuro da educación: un dereito para todos e todas", organizado por Down Galicia, a través da intervención da deputada de Política Social, Mar García, quen puxo en valor o papel das administracións públicas para avanzar cara a unha escola verdadeiramente inclusiva.
No seu discurso de clausura, Mar García destacou que "a educación inclusiva non é unha opción, é un dereito" e sinalou a importancia de transformar o sistema educativo para garantir o acceso, a participación e o éxito de todo o alumnado. "Incluír non é integrar: non se trata de adaptarse ao sistema, senón de transformar o sistema para que todas e todos teñamos un lugar ao que pertencermos", afirmou.
A deputada de Política Social expresou o firme apoio da Deputación ás iniciativas que promovan a inclusión educativa e social, reforzando a cooperación entre centros, familias e entidades e impulsando contornas que favorezan o desenvolvemento pleno de cada nena e cada neno. Subliñou ademais que "a escola que incluímos hoxe será a sociedade que teremos mañá".
No peche do congreso, García quixo recoñecer o papel fundamental das persoas con síndrome de Down, das súas familias e dos profesionais do ámbito educativo e social que, co seu exemplo, contribúen a construír unha sociedade máis xusta, igualitaria e humana. "A inclusión constrúese cada día; non só se celebra en congresos", concluíu.
