A deputada de dereitos civís, Sol Agra, visita en Rianxo os traballos de exhumación de dous barbanceses fusilados en 1936
Acompañada do alcalde, Julián Bustelo, e representantes da CRMH do Barbanza, Agra coñeceu de primeira man a exhumación da fosa na que xacen Manuel Piñeiro e Francisco López, vítimas da violencia golpista de 1936
O grupo Histagra-Cispac-USC coordina os traballos, que se están desenvolvendo na igrexa de Santa María de Asados dende o luns
A titular da área de dereitos civís da Deputación da Coruña, Sol Agra, visitou esta mañá os traballos de exhumación de Manuel Piñeiro e Francisco López, dous barbanceses fusilados en 1936, acompañada do alcalde, Julián Bustelo, e de representantes da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza.
A exhumación da fosa na que xacen estas dúas vítimas da violencia golpista do 1936 está coordinada polo grupo HISTAGRA-CISPAC-USC, formado por historiadores, antropólogos forenses, arqueólogos e xenetistas, que comezaron os traballos este luns, no adro da igrexa de Santa María de Asados.
As vítimas son Manuel Piñeiro Abeijón, veciño de Boiro que o 14 de agosto de 1936 foi paseado no alto da Paradegua para logo os golpistas abandonar o seu corpo sen vida na estrada próxima á igrexa de Asados, e Francisco López Pérez, veciño da parroquia rianxeira de Taragoña, que tamén foi paseado no mesmo lugar o 12 de setembro de 1936 e despois levado a un lugar próximo á igrexa.
"Estes dous barbanceses, como tantos outros, foron asasinados durante o levantamento militar contra o goberno electo en 1936. Esta exhumación que hoxe se desenvolve é un acto de dignidade, de reparación e de xustiza. Recuperar os seus corpos é devolverlles o nome, a historia e o respecto que lles foi negado durante décadas" sinalou a deputada. "Dende as administracións públicas temos a responsabilidade de defender a verdade e a memoria, e o deber moral de espallar os ideais e anceios de liberdade de todas as persoas asasinadas polo fascismo para que a súa morte non caia no esquecemento".
