Estás en:Novas

A Deputación aproba un investimento de máis dun millón de euros para a mellora integral da travesía de Bembibre, en Val do Dubra

As actuacións levaranse a cabo entre os puntos quilométricos 21+860 e 22+190 da estrada provincial DP-1914

O proxecto contempla unha mellora integral da travesía, centrada fundamentalmente na seguridade dos peóns mediante o incremento do espazo destinado ao seu tránsito

A Deputación aproba un investimento de máis dun millón de euros para a mellora integral da travesía de Bembibre, en Val do Dubra

A Deputación da Coruña aprobou por unanimidade no pleno deste venres o proxecto técnico de mellora da seguridade viaria na DP-1914, ao seu paso pola travesía de Bembibre, no concello de Val do Dubra. As actuacións levaranse a cabo nunha lonxitude aproximada de 370 metros, concretamente entre os puntos quilométricos 21+860 e 22+190. O obxectivo é incrementar a seguridade viaria e mellorar as condicións de mobilidade peonil neste tramo da estrada provincial.

Cun orzamento de 1.104.878 euros, o proxecto contempla unha mellora integral da travesía, centrada fundamentalmente na seguridade dos peóns mediante o incremento do espazo destinado ao seu tránsito e a reordenación das prazas de aparcamento, co obxectivo de reducir riscos e favorecer unha circulación máis segura.

Ao pleno asistiu o alcalde de Val do Dubra, Diego Luís Díaz, e o tenente alcalde, Antonio Negreira, que mantiveron unha reunión co presidente Valentín González Formoso. O alcalde agradeceu compromiso de Formoso para avanzar neste proxecto "que transformará significativamente o núcleo principal do noso municipio e mellorará a calidade de vida e a seguridade da veciñanza".

O rexedor agradeceu tamén á Deputación as facilidades dadas para incorporar melloras no proxecto, concretamente a renovación dos servizos afectados polas obras, saneamento e abastecemento de augas.

Formoso destacou tamén que as obras suporán unha mellora notable de seguridade, estética e accesibilidade na travesía de Bembibre mediante un proxecto "acordado e traballado" co Concello de Val do Dubra e a veciñanza.

A renovada travesía de Bembibre

O proxecto contempla a execución dunha nova rotonda na intersección das rúas Dubra e Muíños, resolta mediante colocación de adoquín con dobre capa de formigón, o que permitirá mellorar a funcionalidade e a seguridade deste punto de encontro.

As obras inclúen o fresado e a reposición das capas de rodadura mediante a execución dunha nova capa de formigón, así como a demolición das beirarrúas, actualmente moi deterioradas, para a súa posterior reconstrución. As novas beirarrúas disporanse a distintas cotas, coas zonas peonís rematadas cun acabado desbastado que mellorará a adherencia. Antes da execución das novas plataformas, realizarase a nivelación do terreo cunha base de zahorra.

No que respecta á ordenación da calzada, manteranse os carrís actuais de 3,20 metros de ancho, con beiravías de 30 centímetros, mentres que as bandas de aparcamento terán unha anchura de 2,30 metros. Ademais, o proxecto contempla a execución dunha nova rede de alumeado público unilateral, a reposición da rede de recollida de augas pluviais, adaptándoa á nova distribución da calzada, e a renovación das redes de abastecemento e saneamento afectadas pola execución das obras.

Por último, a actuación proposta contempla tamén a renovación da sinalización horizontal e vertical, o remate e limpeza das obras e a conexión a redes existentes e adaptacións precisas.