Estás en:Novas

A Deputación insta á Xunta a aumentar o Fondo de Cooperación Local para saldar a débeda de 600 M€ que mantén cos concellos galegos

A moción reclama tamén incorporar partidas destinadas a garantir a prestación de servizos públicos no rural, para o que reclaman un modelo máis xusto e transparente

A Deputación insta á Xunta a aumentar o Fondo de Cooperación Local para saldar a débeda de 600 M€ que mantén cos concellos galegos

A Deputación da Coruña aprobou este venres, no pleno ordinario de outubro, unha moción presentada polo PSdeG-PSOE para instar á Xunta de Galicia a incluír nos orzamentos de 2026 medidas concretas que permitan corrixir o déficit de financiamento que sofren os concellos galegos e avanzar cara á igualdade real na prestación de servizos públicos cun modelo "máis xusto, transparente e suficiente para garantir a autonomía".

A moción, que contou cos votos favorables de PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños e o voto en contra do PP, reclama que os orzamentos do vindeiro ano incrementen o Fondo de Cooperación Local co obxectivo de saldar a débeda de 600 millóns de euros que o organismo autonómico mantén cos concellos pola prestación de competencias impropias. Ademais, propón que se incorporen partidas destinadas a garantir a prestación de servizos públicos no rural en plena igualdade co entorno urbano, rematando coa política de recortes levada a cabo nos últimos anos. De acordo coas estimacións realizadas polo propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, estas partidas deberían acadar os 500 millóns de euros, que calcula como necesarios para a prestación duns servizos públicos plenos e iguais no rural, circunstancia que a día de hoxe non se cumpre.

O voceiro do goberno da Deputación da Coruña, Bernardo Fernández, explicou que os concellos galegos están a asumir cada vez máis competencias impropias sen recibir os recursos necesarios para facelo, o que compromete gravemente a súa sustentabilidade financeira. Fernández advertiu de que os fondos que reciben da administración autonómica non se reparten segundo criterios obxectivos, o que dificulta a planificación e a equidade territorial e perpetúa dinámicas discriminatorias.

"O Fondo de Cooperación Local leva conxelado dende 2010", lembrou, "a Xunta gabábase recentemente de incrementar esta partida ata os 187 millóns de euros, pero ese incremento é claramente insuficiente. Deses 187 millóns, 71 son repartidos de forma finalista, o que deixa só 116 millóns dispoñibles para as necesidades que estimen os concellos. Se dividimos esa cantidade entre os 313 municipios galegos, o resultado é de menos de 600.000 euros para cada un, mentres que a Deputación da Coruña, cun orzamento sesenta veces menor, reparte máis fondos entre os 93 concellos da provincia".

A moción aprobada inclúe tamén a petición de que a Xunta de Galicia recoñeza ás Deputacións Provinciais como Entidades Locais para o seu financiamento nos termos previstos na Constitución Española, co obxectivo de garantir un sistema de financiamento máis xusto e estable que lles permita continuar apoiando aos concellos.

Nesta liña, Fernández destacou que a Deputación da Coruña mantén o seu compromiso de servizo aos concellos e de defensa do municipalismo: "a autonomía e a suficiencia financeira das entidades locais son imprescindibles. A Xunta debe deixar atrás as políticas de recortes e apostar de verdade polo rural galego".