Presentado o III Torneo Internacional de Baloman Deputación da Coruña
Santiago de Compostela acollerá os días 1 e 2 de novembro esta cita internacional coa participación das seleccións galegas, asturianas e da Rexión de Oporto
O Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela, acolleu o acto oficial de presentación do III Torneo Internacional de Balonmán da Deputación da Coruña, que se celebrará os días 1 e 2 de novembro nos pavillóns do Restollal e da USC.
O evento contou coa presenza institucional de Antonio Leira, Deputado de Deportes da Deputación da Coruña; Pilar Lueiro, Concelleira de Deportes do Concello de Santiago de Compostela; Javier Rico, Delegado do Reitor para o Deporte na USC; Antonio Freitas, Presidente da Associação de Andebol do Porto; e Bruno López, Presidente da Federación Galega de Balonmán. Ao acto tamén asistiron xogadores, xogadoras e membros dos corpos técnicos das seleccións galegas infantís e cadetes, tanto femininas como masculinas.
Durante as intervencións, as autoridades destacaron a relevancia deste torneo como un referente do balonmán galego e do norte peninsular, subliñando a súa importancia non só no plano competitivo, senón tamén como espazo de convivencia, aprendizaxe e promoción do deporte base. Ademais, coincidindo todas en sinalar que o balonmán galego continúa a medrar, e que o esforzo conxunto das institucións fai posible seguir reforzando proxectos deportivos deste nivel.
Nesta terceira edición, Galicia volverá recibir ás seleccións da Rexión de Oporto e do Principado de Asturias, nunha competición que servirá como primeira proba de preparación para o Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA 2026), que se celebrará en Cataluña o vindeiro mes de xaneiro.
O torneo, patrocinado pola Deputación da Coruña e organizado pola Federación Galega de Balonmán, impulsado pola Xunta de Galicia e coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela e a Universidade de Santiago de Compostela, reunirá a centos de deportistas de toda Galicia e do norte da Península, consolidándose como unha das grandes citas do calendario autonómico.
