O salón Pixel á Feira, da Deputación da Coruña, celebra con éxito o talento do videoxogo en galego
O vicepresidente Xosé Regueira salientou "a gran resposta do público desde as primeiras horas" e insistiu "na necesidade de que as persoasque traballan neste sector en Galicia conten con máis apoio administrativo para xerar un nicho de emprego de calidade"
Píxel á Feira, o primeiro salón galego dedicado en exclusiva ao videoxogo en Galicia, viviu hoxe unha xornada de éxito no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, onde desde primeira hora da mañá se achegaron centos de persoas para descubrir o pasado, o presente e o futuro desta industria en Galicia.
Organizado pola Deputación da Coruña –que reafirma a súa vontade de impulsar unha industria en crecemento–, o foro converteuse nun punto de encontro entre público, profesionais e novas xeracións de creadoras e creadores. Máis de cincuenta proxectos feitos en Galicia protagonizan unha mostra que combina exposicións, zona interactiva, charlas, concertos e torneos
abertos a todas as idades.
O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, achegouse ao Palacio de Congresos, nunha visita na que compartiu coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e co comisario do evento, Iago Gordillo. Regueira salientou "a gran resposta do público desde as primeiras horas" e insistiu "na necesidade de que as persoas que traballan neste sector en Galicia conten con máis apoio administrativo para xerar un nicho de emprego de calidade".
Certame de videoxogos
Xa na xornada de tarde, Regueira participou na entrega de premios do I Certame de Videoxogos en Galego da Deputación da Coruña. Os galardóns recaeron en "Numbra"", de DigiPen Europe-Bilbao, premio ao Mellor Videoxogo; "Cartas á Lúa" ("Mail to the"Moon"), de Michiños Fofiños, na categoría de Mellor Apartado Artístico; e "Basureroes: Invasion", de Javs Game Studios, premio ás Mellores Mecánicas.
O xurado estivo formado por Eva Farto, programadora e divulgadora galega recoñecida polo seu labor como "podcaster"; Ramón Méndez, docente e investigador da Universidade de Vigo, con máis de dúas décadas de experiencia na industria, e Isi Cano, doutora en Arte Contemporáneo, creadora e docente especializada en videoxogos e deseño multimedia.
Píxel á Feira continuará durante toda a xornada deste domingo con actividades de acceso libre, cuxos horarios poden consultarse en pixelafeira.gal.
