Estás en:Novas

A Deputación da Coruña convoca as xornadas ‘A crise habitacional’

Desenvolveranse o 14 e 15 de novembro no Museo das Peregrinacións, de Santiago, para xerar un espazo de debate arredor do problema de vivenda desde múltiples perspectivas

"Trátase", explica a deputada de Dereitos Civís, Sol Agra, "de abordar un problema complexo a través de alternativas baseadas no diálogo, que poñan de manifesto as diferenzas e similitudes entre os distintos colectivos sociais e os distintos territorios, desde as cidades aos concellos con menor número de habitantes"

A Deputación da Coruña convoca as xornadas ‘A crise habitacional’

A área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña pon en marcha o foro 'A crise habitacional', unhas xornadas que se realizarán os vindeiros días 14 e 15 de novembro no Museo das Peregrinacións, en Santiago de Compostela.

O foro está deseñado coma un espazo de encontro e debate que axude a definir a problemática da vivenda e as súas posibles solucións dende múltiples perspectivas. "Trátase", explica a deputada de Dereitos Civís e Igualdade, Sol Agra, "de abordar un problema complexo a través de alternativas baseadas no diálogo, que poñan de manifesto as diferenzas e similitudes entre os distintos colectivos sociais e os distintos territorios, desde as cidades aos concellos con menor número de habitantes".

"O dereito a unha vivenda aparece recollido na Constitución", lembra a deputada, "porén, estase convertendo nun dos maiores problemas sociais do noso país". "Hai uns anos", engade, "pensábase nun problema centrado nas cidades, pero a situación estase xeneralizando a moitas zonas do rural e afectalle á maioría dos perfís sociais, sobre todo á xente máis vulnerable. Precisamos analizar as causas, mais sobre todo buscar solucións".

O programa inclúe seis mesas temáticas nas que intervirán profesionais especializadas e un espazo de debate con axentes sociais. "Trátase de valorar as diferentes situacións, dando voz a múltiples colectivos sociais e axentes implicados e buscando solucións, tanto a nivel estratéxico como en accións políticas concretas a nivel local e supramunicipal", di Fiz Seixo, da empresa coordinadora das xornadas Taller de Estratexias.

As mesas

  • Mesa 1 (venres 14, ás 16.30 horas): 'Acceso á vivenda para persoas en situación de vulnerabilidade social ou irregular, e infravivienda'. Ana Pardo Fernández, directora en Galicia de Provivienda e Presidenta de EAPN-Galicia, Rede Galega contra a Pobreza.
  • Mesa 2 (venres 14, ás 19 horas): 'A vivenda turística (VUT)'. Coa xeógrafa María José Piñeira Mantiñan, do Grupo ANTE. Modera Roi García Camba, arquitecto en PlanificaciónTec.
  • Mesa 3 (sábado 15, ás 9.30 horas): 'O mercado da vivienda'. Con Javier Burón Cuadrado, director e xerente de Navarra de Suelo y Vivienda S.A.U.-NASUVINSA. Modera a arquitecta Laura Pato (Le Petit Patito).
  • Mesa 4 (sábado 15, ás 15 horas): 'Modelos de vivenda pública'. Con Josep María Borell, de Promoción y Gestión de Suelo AMB-IMPSOL Barcelona. Modera Alberte Mera, xornalista do NÓS Diario.
  • Mesa 5 (sábado 15, ás 16 horas): 'Colaboración público-privada na xestión do solo e a promoción de vivenda accesible'. Elga Molina Roig, directora xeral de Vivenda Goberno de Navarra. Modera Yolanda Larrubia García de Promoción y Gestión de Suelo AMB-IMPSOL Barcelona.
  • Mesa 6 (sábado 15, ás 18.30 horas): 'Outros modelos de habitar/tenencia. Alternativas. Cooperativas de vivienda'. Con Mikel Pau Casado Buesa e Antonio Reboredo Raposo, arquitectos no Colectivo El Tinglao.

A Deputación da Coruña convida a todas as persoas interesadas a participar neste foro cidadán que será aberto ao público, con inscrición previa na páxina web www.crisehabitacionalcoruna.org, onde tamén se pode consultar a información completa das xornadas.