A Deputación da Coruña abrirá unha sede institucional en Ferrol en 2026
Formoso anuncia a próxima licitación para adquirir un inmoble céntrico en Ferrol, que ademáis de sede institucional terá auditorio, sala de exposicións, coworking e acollerá os servizos tributarios.
Defende para Ferrol "un tren digno do século XXI" e reclama á Xunta "rematar co caos" dos buses: "O bus en Ferrol é lamentable, está peor que nunca".
Reclama unidade e máis medios na loita contra o narcotráfico para que a zona deixe de ser un dos grandes supermercardos da droga no norte de España.
O presidente da Deputación reclama á Xunta unha mellora do financiamento municipal: "É unha irresponsabilidade darlle as costas aos concellos"
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, anunciou hoxe que a institución provincial establecerá unha nova sede en Ferrol en 2026. Fíxoo no marco do almorzo informativo "Conversas no Parador", organizado polo Club de Prensa de Ferrol coa colaboración do Parador de Turismo.
Formoso explicou que a compra do local sairá a licitación pública proximamente e que a nova sede da Deputación en Ferrol se situará "nun edificio céntrico que, ademais de funcionar como sede institucional da Deputación, contará cun auditorio para reunións e actos culturais, unha sala de exposicións, unha oficina tributaria moderna e adaptada ás necesidades actuais, ademais dun espazo de coworking integrado na rede da Deputación", que xa conta con once centros na provincia. Segundo destacou, "o coworking permitirá que as persoas emprendedoras non teñan que marchar e poidan establecer na cidade as súas ideas de negocio". O investimento previsto para a nova sede ascende a un millón de euros.
Durante a súa intervención, o presidente repasou tamén algúns dos investimentos máis recentes da Deputación en Ferrol e na súa comarca, como o millón de euros destinado á reforma da grada e da iluminación do estadio municipal da Malata, os máis de 360.000 euros investidos nas melloras do centro de rehabilitación do Confurco de ASFEDRO ou as tres fases das obras de ampliación e mellora da estrada Serantes-Aneiros-A Cabana, cun investimento global superior aos dous millóns de euros. Anunciou ademais novos compromisos, como a mellora da estrada de San Xurxo, que se acometerá atendendo á petición veciñal, e o acordo coa asociación de veciñas e veciños de Covas para remodelar o seu local social, que se executará proximamente.
Plan de recuperación das baterías da Costa Ártabra
Formoso destacou tamén a importancia do Plan de recuperación das baterías de costa de Ferrolterra, que abrangue os espazos de Monte Ventoso en Ferrol, A Bailadora en Ares e Campelo en Valdoviño, cun orzamento total de tres millóns de euros, un millón con fondos propios da Deputación e dous procedentes do Plan de sustentabilidade turística en destino. "Non sabemos aínda se van a poder ter canóns de novo, pero si sabemos que traerán unha segunda vida de respecto á nosa historia", afirmou.
Neste sentido, lembrou que xa está en licitación a obra da praza de Ferrándiz, cun orzamento de 606.000 euros. Esta intervención supón un paso importante na rexeneración urbana do centro histórico de Ferrol e na recuperación do seu valioso patrimonio paisaxístico e histórico. O proxecto aposta por unha urbanización branda e respectuosa co medio, que recupera a identidade histórica do lugar e o trazado orixinal do antigo Cadro de Esteiro, deseñado no século XVIII segundo criterios xeométricos cartesianos.
O presidente avanzou tamén outras actuacións vinculadas ao plan, como a recuperación do observatorio meteorolóxico de Monte Ventoso, a limpeza e posta en valor do baluarte de San Xoán, que pronto sairá a licitación, a creación de aparcadoiros disuasorios e a mellora dos accesos ás baterías con zonas peonís e ciclistas, así como a instalación dunha nova iluminación eficiente en Ferrol Vello e nos contornos do patrimonio militar.
Reclámalle á Xunta unha mellora do financiamento municipal
Formoso aproveitou o encontro para destacar a relevancia do Plan único da Deputación, que durante os seus mandatos leva investidos 834 millóns de euros nos concellos da provincia, financiando 4.500 obras e contribuíndo a manter ou crear preto de 18.000 empregos. Subliñou que a importancia do plan non reside só nas súas cifras récord, senón tamén na súa filosofía, xa que "o principio de autonomía local está na súa esencia". "É o plan de investimentos municipais máis importante de Galicia e un dos máis importantes do Estado", afirmou.
Nese contexto, reclamou á Xunta de Galicia unha mellora do financiamento municipal e lembrou que, mentres o Fondo de Cooperación Local permanece conxelado dende hai unha década en 118 millóns de euros para os 313 concellos galegos, a Deputación da Coruña destinou este ano 138 millóns de euros só aos concellos da provincia. "Hai polo tanto un investimento maior da Deputación na provincia que o da Xunta no conxunto de Galicia. É unha irresponsabilidade darlles as costas aos concellos", afirmou Formoso, quen reclamou que, como mínimo, o Fondo de Cooperación se incremente ata os 200 millóns de euros. "Pedimos algo perfectamente factible, tendo en conta que a Xunta conta este ano cun orzamento de 14.000 millóns de euros. Se a Deputación destina 138 millóns nunha soa provincia, 200 para toda Galicia non parece demasiado", engadiu.
O presidente destacou tamén os resultados do Plan de emprego local (PEL), que contribuíu á creación de máis de 8.100 empregos, á posta en marcha de 1.875 novas empresas e ao apoio directo a máis de 4.000 autónomos. Subliñou ademais o papel estratéxico da rede provincial de coworkings especializados por sectores, "cun modelo único en España que está a espertar interese noutras comunidades autónomas".
Formoso referiuse igualmente a programas como MercaNaVila, impulsado pola Deputación e a Federación Galega de Comercio, que contribúen a dinamizar o comercio de proximidade nos pequenos municipios da provincia. O programa conta cun orzamento de seis millóns de euros e facilita descontos de ata 100 euros nas compras realizadas en comercios de localidades de menos de 20.000 habitantes. "É tamén un paso na loita contra o despoboamento", sinalou o presidente, que incidiu na importancia de desenvolver políticas activas de apoio ao rural e aos pequenos concellos para frear a perda de poboación.
Defende un tren do século XXI e pídelle á Xunta acabar co "caos" dos buses
Preguntado pola necesidade de mellorar a conexión ferroviaria de Ferrol e polos constantes problemas no transporte de viaxeiras e viaxeiros por estrada entre Ferrol e A Coruña, Formoso defendeu a urxencia de contar cunha infraestrutura ferroviaria "digna do século XXI e homologable á do resto das cidades".
Lembrou que esta reclamación xa lla trasladou tanto a ministros como ao secretario de Estado de Transportes, e quixo agradecer o traballo do Foro Cidadán polo Ferrocarril, "que defende con rigor e constancia unha causa xusta para Ferrol e a súa comarca". Subliñou que a situación do tren en Ferrol "é froito de décadas de abandono, tanto de gobernos anteriores como do actual", e reclamou un compromiso real para modernizar as conexións ferroviarias e garantir un servizo público de calidade.
En canto ao transporte por estrada, denunciou o "caos" que viven a diario as persoas usuarias dos autobuses. "O bus a Ferrol é lamentable, está peor que nunca. Temos unha estación obsoleta, que moitas veces permanece pechada, e vemos un caos no servizo, con xente viaxando de pé, incumprindo as normas, autobuses que non respectan paradas nin horarios...", relatou o presidente.
"O primeiro paso cando hai un problema é recoñecelo e aínda non vin que a Xunta recoñecera o mal que está este servizo nin que puxera solucións reais enriba da mesa", concluíu.
Loita contra a droga
"A loita contra a droga é o elefante no cuarto, o problema do que ninguén quere falar", advertiu Formoso, que reclamou máis medios humanos e materiais para combater unha realidade que, ao seu xuízo, segue a ter unha fonda incidencia social. O presidente provincial pediu "máis unidades policiais, máis compromiso xudicial e tamén máis implicación dos concellos" para faceren fronte con eficacia a esta lacra.
"Ferrol e Narón contan con algúns dos maiores supermercados da droga do norte de España. É un problema que nos debe preocupar e no que debemos actuar unidos", subliñou. "O noso obxectivo é que en dez anos esa realdiade desapareza. Toda a forza política e institucional que ten o PSOE nesta comarca vai poñerse ao servizo desta loita, porque estamos a falar dun problema que destrúe vidas e que require valentía, coordinación e vontade real de todos e todas", concluíu.
