Estás en:Novas

O problema da vivenda, a debate en Compostela no foro da Deputación “A crise habitacional”

A deputada de Dereitos Civís, Sol Agra, inaugurou as xornadas, que se celebran hoxe e mañá no Museo das Peregrinacións

O encontro programa seis mesas temáticas nas que axentes sociais e profesionais de todo Estado ofrecerán unha radiografía da crise da vivenda desde o punto de vista dos territorios, os espazos decisorios ou os ámbitos de competencia

"Queremos valorar as diferentes situacións, dándolle voz á maioría do axentes implicados e buscando solucións, tanto a nivel estratéxico coma en accións políticas concretas nos ámbitos local e supramunicipal", explicou Agra

O problema da vivenda, a debate en Compostela no foro da Deputación “A crise habitacional”

O Museo das Peregrinacións, de Santiago, acolle hoxe e mañá as xornadas "A crise habitacional", un foro organizado pola área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña que busca xerar un espazo de debate arredor do problema de vivenda dende múltiples perspectivas.

Inaugurounas esta tarde a deputada de Dereitos Civís, Sol Agra, que estivo acompañada pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. "Hoxe e mañá xuntamos a expertos e axentes sociais,para analizar e debater as diferentes problemáticas que está creando esta crise da vivenda", explicou Agra. "Queremos atopar propostas e medias tanto a nivel estratéxico como en accións políticas locais e supramunicipais concretas".

Para a deputada, "o dereito a unha vivenda estase convertendo nun dos maiores problemas sociais do noso país e afecta a maioría dos perfís sociais, e xa non só nas cidades, senón tamén, nos últimos anos, en moitas zonas do rural, así que precisamos analizar as causas pero sobre todo buscar solucións".

O foro está aberto a toda a cidadanía, que, segundo Agra, "debe saber que se está facendo nas diferentes administracións, desde os concellos até os gobernos autonómicos e central, e tamén desde colectivos sociais que xa se están organizando para crear outras formas de habitar".

"As administracións", rematou Agra, "teñen a obriga de buscar posibles colaboracións que aporten e apoien, para entre todas atopar propostas que melloren ou traten de poñer freo a esta situación de crise que cada vez vai a máis, e ocasiona que o que debera ser un dereito se converta nun afondamento máis da fenda entre clases sociais desta economía capitalista insaciábel".

As mesas

O foro programa seis mesas temáticas que ofrecerán un espazo de debate con axentes sociais e profesionais de todo Estado, para valorar as diferentes situacións que se producen entre os territorios, espazos decisorios ou ámbitos de competencia.

Mesa 1 (venres 14, ás 16.30 horas): 'Acceso á vivenda para persoas en situación de vulnerabilidade social ou irregular, e infravivienda'. Ana Pardo Fernández, directora en Galicia de Provivienda e Presidenta de EAPN-Galicia, Rede Galega contra a Pobreza.
Mesa 2 (venres 14, ás 19 horas): 'A vivenda turística (VUT)'. Coa xeógrafa María José Piñeira Mantiñan, do Grupo ANTE. Modera Roi García Camba, arquitecto en PlanificaciónTec.
Mesa 3 (sábado 15, ás 9.30 horas): 'O mercado da vivienda'. Con Javier Burón Cuadrado, director e xerente de Navarra de Suelo y Vivienda S.A.U.-NASUVINSA. Modera a arquitecta Laura Pato (Le Petit Patito).
Mesa 4 (sábado 15, ás 15 horas): 'Modelos de vivenda pública'. Con Josep María Borell, de Promoción y Gestión de Suelo AMB-IMPSOL Barcelona. Modera Alberte Mera, xornalista do NÓS Diario.
Mesa 5 (sábado 15, ás 16 horas): 'Colaboración público-privada na xestión do solo e a promoción de vivenda accesible'. Elga Molina Roig, directora xeral de Vivenda Goberno de Navarra. Modera Yolanda Larrubia García de Promoción y Gestión de Suelo AMB-IMPSOL Barcelona.
Mesa 6 (sábado 15, ás 18.30 horas): 'Outros modelos de habitar/tenencia. Alternativas. Cooperativas de vivienda'. Con Mikel Pau Casado Buesa e Antonio Reboredo Raposo, arquitectos no Colectivo El Tinglao.

Toda a información das mesas, horarios e listaxe completa de relatores, na páxina web crisehabitacionalcoruna.org.