Estás en:Novas

A Deputación apoia o Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa 2025 para defender este dereito fundamental

A deputada de Dereitos Civís, Sol Agra, subliñou a importancia de defender os dereitos á liberdade de prensa e á información

A entidade provincial apoiará a súa realización con 10.000 euros, o que representa o 80% do orzamento total

A Deputación apoia o Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa 2025 para defender este dereito fundamental

A deputada de Dereitos Civís, Sol Agra, e a decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Belén Regueira, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para cofinanciar o Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa 2025. Para este efecto, instruméntase unha subvención nominativa da Deputación que apoia con 10.000 euros a organización desta actividade, contía que representa o 80% do custo total, de 12.500 euros.

Con este galardón o Colexio busca distinguir profesionais e entidades que manteñen un compromiso firme coa liberdade informativa, que foron perseguidas polo exercicio da súa profesión ou que destaquen por protexer o dereito a informar e recibir información.

Mediante este convenio, explicou Agra, apóiase unha iniciativa xa consolidada que distingue persoas e organizacións pola defensa da liberdade de prensa ou unha traxectoria profesional sólida, libre e independente. Lembrou que na última edición foi recoñecido o labor do Sindicato de Xornalistas Palestinos. Ao respecto, denunciou o "desprezo" de Israel tanto polo traballo dos profesionais da información, como pola poboación palestina.

Por último, destacou a importancia dun premio que "logrou consolidarse como unha cita do xornalismo galego, pero que vai moito máis aló pola importancia que ten na defensa dos dereitos á liberdade de prensa e á información da cidadanía". Son "dereitos fundamentais na democracia, e a súa constante vulneración fai máis necesario aínda que se visibilice o traballo de todas esas persoas que os defenden".