A Deputación inviste en Dumbría 1,4 millóns en 2025 a través do Plan Único
A deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Concellos, Cristina García Rey, visitou esta mañá o municipio, onde foi recibida polo alcalde, Raúl González, e parte da corporación municipal
"O Plan Único non é só un reparto de fondos, é un proxecto político", salientou García Rey. "É a nosa maneira de entender a provincia: concellos con autonomía, recursos garantidos e capacidade para planificar o seu futuro. Seguiremos defendendo este modelo, porque funciona e porque Dumbría é unha das mellores probas diso"
A deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Concellos, Cristina García Rey, reuniuse esta mañá en Dumbría co alcalde, Raúl González, e parte da corporación municipal para presentar o investimento en 2025 do Plan de obras e servizos da Deputación, que ascende a 1.391.115 euros.
Deputada, alcalde e edís da corporación visitaron tamén os traballos de mellora no núcleo do Castro, unha das actuacións que, por un importe de 262.933 euros, o Concello fisterrán está a acometer coa achega do POS+ 2024. Con financiamento do Plan para 2025, Dumbría ten xa outras obras adxudicadas, coma o acondicionamento de beirarrúas en Bustelo e as melloras do núcleo de Olveiroa, do camiño ao monte na Laxe (da parroquia do Ézaro, 61.679 euros), do viario da DP-3404 no límite do concello por Olveira (41.571 euros) e do viario de Filgueira a Santa Uxía e outros (78.883 euros).
Desde 2017, ano en que a Deputación da Coruña puxo en marcha o seu novo modelo de cooperación municipal, o POS+ deixou en Dumbría ata este exercicio un investimento total de 8.093.474 euros. "Eses números falan de estradas melloradas, espazos públicos renovados, servizos reforzados e infraestruturas que permanecen". "Non é", engadiu, "un investimento ao azar: é un investimento pensado para garantir futuro no rural".
Segundo a deputada, "sen o Plan Único, moitos concellos non poderían sacar adiante obras estruturais como esta". "Hoxe", afirmou, "é o programa máis importante da Deputación e a nosa ferramenta política máis poderosa para transformar o territorio: funciona, dá resultados e chega a toda a xente".
Para García Rey, esa achega a Dumbría de case 1,4 millóns en 2025 "é unha cifra histórica, que confirma o compromiso político da Deputación na cooperación cos concellos, que poden con ese cartos planificar, executar e responder". "Por iso", rematou, "nós reforzamos o apoio e imos continuar ao seu lado, incrementando o investimento no rural e asegurando que cada euro contribúa ao futuro da xente; porque iso é gobernar para todas, e iso é o que estamos a facer".
Pola súa parte, o alcalde destacou o esforzo investidor do goberno provincial, que grazas a instrumentos como o Plan Único permite o financiamento de obras que, doutro xeito, non serían posibles para concellos como o de Dumbría, de menos de tres mil habitantes.
