Cristina García salienta en Mazaricos a colaboración da Deputación para recuperar un edificio sen uso e destinalo a local social
A deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Concellos comprobou de primeira man o avance dos traballos para "poñer ao servizo da veciñanza" a casa do conserxe do antigo CEIP Pino de Val
Desde o ano 2017, o Mazaricos recibiu máis de dez millóns de euros ao abeiro do Plan Único (POS)
A deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Concellos da Deputación da Coruña, Cristina García, visitou este venres en Mazaricos a obra de rehabilitación da casa do conserxe do antigo CEIP Pino de Val, pechado no 2021. Esta actuación permitirá recuperar un espazo que permanecía en desuso e convertelo nun local social. A obra, promovida polo Concello e financiada integramente con fondos do Plan Único (POS), ascende a algo máis de 123.000 euros.
Na visita, García Rey estivo acompañada pola tamén deputada Sol Agra, e o polo alcalde da localidade, Juan José Blanco Riveiro. A responsábel de Plans Provinciais destacou que para a Deputación "unha satisfacción" poder contribuír á recuperación dun local que estaba abandonado desde o peche da escola "e darlle unha segunda vida poñéndoo ao servizo dos veciños e das veciñas".
Sinalou, asemade, que esta obra, "por e para a veciñanza", é "un exemplo" da colaboración que se impulsa desde a institución, "especialmente importante para os concellos máis rurais".
Neste sentido, subliñou a importancia de apoiar as entidades locais na posta en valor de equipamentos públicos que reforzan a cohesión social e melloran a calidade de vida no medio rural. "Sen a importantísima ferramenta que é o POS, dificilmente moitos concellos poderían levar adiante este tipo de obras", apuntou a deputada.
Pola súa parte, o alcalde agradeceulle á Deputación o apoio para emprender "unha obra tan necesaria" coma esta. Tamén puxo en valor a contía dos investimentos do Plan Único da Deputación no municipio, imprescindíbeis para cuestións como "o abastecemento de auga, a mellora de viais e outros servizos que dificilmente poderíamos levar adiante no día a día para un Concello das nosas dimensións".
Desde o ano 2017, Mazaricos recibiu 10,3 millóns de euros do Plan Único da Deputación (POS); deste total, 2,1 foron no ano 2025 que agora remata. Nestes momentos xa está prevista a primeira achega do ano 2026, que ascende a case 1,2 millóns, cifra que previsibelmente se incrementará ao longo do ano co POS adicional.
Cristina García Rey tamén destacou o investimento do POS noutros concellos da comarca do Barbanza este ano 2025: preto de 1,4 millóns tanto en Noia como en Outes, ao redor de 1,3 millóns en Muros e algo máis de 1,1 millóns en Lousame.
Actuacións realizadas en Pino de Val
Mesmo antes do peche do centro educativo, a casa do conserxe de Pino de Val levaba anos sen ese uso, destinándose a almacén de material escolar. O edificio, que aínda así estaba en relativo bo estado, transformarase nun equipamento dotacional de carácter multiusos, concibido como un espazo flexíbel para reunións, actividades culturais, obradoiros ou actos veciñais.
Os traballos inclúen a rehabilitación interior, a mellora da eficiencia enerxética do inmóbel, a renovación das instalacións e o acondicionamento dos espazos exteriores, coa separación do recinto respecto do resto do antigo complexo educativo e a creación dunha pequena zona verde.
