Estás en:Novas

Formoso compromete a colaboración da Deputación na reforma do local da Asociación Saúde Mental A Creba, de Noia

Supervisou xunto ao alcalde, Francisco Pérez Caamaño, as obras nas novas dependencias da entidade, que contarán cunha axuda provincial de 200.000 euros, e comprobou o resultado dos traballos para a mellora da seguridade viaria en Barro, nos que se investiron máis de 221.000

Durante a súa visita institucional a Noia, o presidente provincial valorou as achegas da Deputación ao concello durante os últimos dez anos, por un valor superior aos 17 millóns de euros, dos cales máis de 8 foron con cargo ao Plan Único

Formoso compromete a colaboración da Deputación na reforma do local da Asociación Saúde Mental A Creba, de Noia

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, realizou hoxe unha visita institucional a Noia durante a que tratou co alcalde, Francisco Pérez Caamaño, diversos temas de interese para a localidade. Tras manter unha reunión no Concello e encontrarse con concelleiros e portavoces municipais, ambos trasladáronse ao local que a Asociación Saúde Mental A Creba está reformando para que acolla as súas novas instalacións, na rúa Virxe de Loreto, e a continuación, desprazáronse ata Barro, onde a Deputación, a través do Plan Único financiou unha actuación de mellora da seguridade viaria.

Formoso adiantou que o alcalde e máis el analizaron, a maiores, unha serie de actuacións en diversas infraestruturas que, a petición do rexedor, "se van ir acometendo entre este ano e o que vén". Nese senso, asegurou que o esforzo da Deputación en investimentos en Noia "é elevadísimo desde sempre e vaino seguir sendo".

Pérez Caamaño agradeceulle ao presidente esa colaboración, cunha achega de "practicamente un millón de euros ao ano" a través do Plan Único. "En moitos casos sobrepasa os investimentos da Xunta", lembrou. "Sen ela, teriamos moi complicado poder atender servizos imprescindibles para a cidadanía e crear infraestruturas", engadiu.

Valentín González Formoso e Francisco Pérez Caamaño visitaron o futuro local da Creba na compaña da deputada provincial de Política Social, Mar Mar García, e do presidente da entidade, José Ramón Girón. Este explicoulles os pormenores do proxecto, que consiste na reforma integral dun antigo establecemento comercial para convertelo en centro de rehabilitación psicosocial e laboral. Estará destinado á atención e acompañamento de persoas con problemas de saúde mental.

O presidente da Deputación valorou que o apoio da institución provincial a esta actuación contribúe a "facer realidade" unha vella aspiración da entidade. Tamén destacou que se trata dunha iniciativa aliñada coas prioridades da institución provincial en materia de política social, igualdade de oportunidades e calidade de vida dos colectivos máis vulnerables. A achega, que a Deputación xa está tramitando, ascende a 200.000 euros.

Formoso sinalou que ese compromiso se enmarca dentro da permanente colaboración da Administración provincial coa entidade, que nos últimos sete anos se traduciu na concesión de 343.298,13 euros para o financiamento de diferentes programas de atención psicosocial e acondicionamento e equipamento de instalacións.

Un recurso estratéxico para a comarca

O centro será o único das súas características na comarca, polo que constitúe un recurso estratéxico para dar resposta a unha necesidade social e sanitaria de primeira orde.

Entre as actuacións previstas encóntranse a construción de novas divisións, o illamento do inmoble, a execución de instalacións e o equipamento. Habilitaranse espazos para obradoiros, salas de atención específicas e consultas psicolóxicas, ademais de zonas de administración e dirección. O novo local, cunha superficie total de 1.476,5 metros cadrados, disporá tamén de recepción, tenda, arquivo, almacén e aseos.

As instalacións darán cobertura ás comarcas de Noia e o Barbanza na prestación de atención tanto a persoas usuarias como a familias. Nelas ofreceranse obradoiros de capacitación para favorecer a reinserción sociolaboral e prestará atención psicolóxica especializada en espazos adaptados para a intervención terapéutica individual e grupal. A súa localización, nunha zona céntrica da vila, favorecerá a integración das persoas usuarias na vida comunitaria.

Dentro da súa visita institucional a Noia, Valentin González Formoso tamén tivo oportunidade de comprobar xunto ao alcalde o resultado das obras de mellora que o Concello acometeu, con cargo ao POS+2024, no treito de estrada comprendido entre o cruce de Barro e o cruceiro do mesmo lugar. A Deputación financiou na súa totalidade esa actuación, cuxo orzamento ascendeu a 221.497,97 euros.

Oa traballos consistiron na renovación completa do pavimento da rúa, incluídas as beirarrúas. A nova capa de rodaxe executouse cunha mestura bituminosa de 6 centímetros de espesor e eleváronse catro pasos de peóns, que contan con pavimento táctil direccional e botóns. As novas beirarrúas contan cun acabado de formigón pulido. Baixo elas canalizáronse as augas pluviais e soterrouse a instalación da iluminación pública. As obras incluíron tamén a renovación completa da sinalización horizontal e vertical.

Investimento provincial no municipio

Durante os últimos dez anos, as achegas da Deputación a Noia ascenderon a 17.334.710,77 euros, e facilitaron a creación de 142 postos de traballo. Desa cantidade, 8.238.625,56 euros corresponden ao Plan Único, a través do que se destinaron 4.131.720,24 euros a investimento e 4.106.905,32 a gasto. Nese período, financiáronse 36 obras con cargo aos plans provinciais.