Estás en:Novas

A Deputación reforza con 700.000 euros o traballo das entidades sen ánimo de lucro para o impulso de políticas de xénero

A Deputación da Coruña acaba de publicar dúas novas liñas de axudas destinadas ás entidades sen ánimo de lucro para o impulso das políticas de xénero no ano 2026, cun investimento total de 700.000 euros. Ambas as dúas convocatorias, unha centrada no investimento e outra no mantemento de programas, comparten o obxectivo de reforzar o traballo que realizan as entidades en materia de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e na loita contra a violencia de xénero. O prazo para solicitalas xa está aberto e rematará o vindeiro 16 de decembro.

A Deputación reforza con 700.000 euros o traballo das entidades sen ánimo de lucro para o impulso de políticas de xénero

A deputada de Igualdade, Sol Agra, destaca que estes programas procuran "apoiar a creación e a mellora de iniciativas moi necesarias en materia de igualdade" e sinalou que "as entidades son fundamentais na defensa da igualdade de oportunidades e na loita contra a violencia machista. Desde a Deputación queremos reforzar o seu traballo con este investimento, porque verdadeiramente cremos que é imprescindible para avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria".

Dúas liñas

A primeira liña, dotada con 100.000 euros, está destinada ao investimento en políticas de xénero. As entidades poderán solicitar apoio para actuacións entre as que se inclúen o acondicionamento, mantemento e reparación de inmobles e tamén a adquisición de equipamento para a mellora de servizos, programas e/ou actividades en materia de igualdade de xénero.

A segunda liña, cun orzamento de 600.000 euros, ten como obxectivo apoiar as entidades para a mellora na posta en marcha de servizos, programas e/ou actividades nesta materia.