Estás en:Novas

Comeza a campaña ‘Un outono cheo de letras’ da Deputación da Coruña

Impulsado pola área de Normalización Lingüística, o proxecto permanecerá activo nas redes sociais ata mediados de decembro

#UnOutonoCheodeLetras destaca a importancia da lectura para a formación das persoas e o papel que xoga na dinamización da lingua.

A iniciativa inclúe o sorteo de 1.000 euros en 'Bonos-libro' que os internautas poderán utilizar na libraría da provincia da Coruña que elixan

Comeza a campaña ‘Un outono cheo de letras’ da Deputación da Coruña

Lembrando que detrás de cada libro en galego hai un universo de profesionais e que mercar nas nosas librarías, e mercar libro en galego, é un acto que contribúe directamente á vitalidade da nosa lingua e da nosa cultura, comeza esta semana unha nova edición da campaña 'Un outono cheo de letras', coa que a Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña anima a toda a cidadanía a converter o outono que transitamos nunha estación de descubrimento literario en galego.

"Ler en galego é moito máis ca un acto cultural: é unha forma de afirmar a identidade, de conectar co territorio e de preservar a riqueza lingüística que nos define como pobo". #UnOutonoCheodeLetras anima as persoas a aproveitar a capacidade do libro como motor de transformación, descubrir novas voces e contribuír a fortalecer o uso social da lingua en todos os ámbitos da vida. "Cada páxina lida en galego é un paso máis cara a unha sociedade máis diversa, consciente e orgullosa da súa herdanza".

A cidadanía será a protagonista
Co cancelo #UnOutonoCheodeLetras a cidadanía será unha vez máis protagonista no desafío de espallar os contidos e o lema da campaña a través das redes sociais. Deste xeito, ao igual que en anteriores edicións, as persoas que se sumen aos valores en prol do libro e a lectura desta iniciativa, facendo interacción co material difundido desde as propias redes da Deputación, entrarán no sorteo de dez bonos-libro. Cada un destes bonos está valorado en 100 euros.

As dez persoas gañadoras poderán empregar estes bonos na libraría da provincia da Coruña que libremente elixan. En edicións anteriores, as persoas gañadoras fixeron efectivos os seus bonos en librarías de Cambre, Zas, Santa Comba, Sada, Noia, Oleiros, Santiago de Compostela, Carballo ou na propia cidade da Coruña, entre outros municipios.

#UnOutonoCheodeLetras aproveitará ademais para destacar algúns dos distintos premios cos que a Deputación fomenta a creación na nosa lingua e o fomento da lectura, como é o caso dos certames Torrente Ballester de narrativa, Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil, González Garcés de poesía, Rafael Dieste de teatro ou Manuel Murguía de ensaio.