A Deputación promove en Noia a sensibilización ambiental entre o alumnado de Primaria cun obradoiro sobre aves nocturnas
A deputada de Medio Ambiente, Rosa Ana García, participou no obradoiro impartido nun dos centros participantes no programa provincial de educación ambiental
A iniciativa impartiuse en máis de dez centros da provincia e informou a máis de 500 alumnos e alumnas
A Deputación impulsa a sensibilización ambiental a través de programas provinciais de educación dirixidos ao alumnado de Primaria da provincia da Coruña.
A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García, visitou hoxe o CEIP Felipe de Castro de Noia e participou, xunto ao seu alumnado, no obradoiro centrado no coñecemento e conservación das aves rapaces nocturnas e impartido polo persoal especializado da Asociación Alados Medioambiente.
"Este tipo de charlas participativas permiten que os nenos e nenas coñezan de primeira man as características destas aves, o seu papel fundamental como controladoras naturais de pragas e os perigos aos que se enfrontan no medio natural", explicou Rosa Ana facendo subliñando o impacto pedagóxico do emprego de materiais tan rechamantes como cranios, plumas, fichas informativas e vídeos, que permiten "ver, tocar e comprender a realidad da natureza cunha intensidade que ningún libro pode igualar".
Ademais, a Deputación entregou a cada centro un caderno de campo sobre rapaces nocturnas, pensado para que o profesorado dispoña dun recurso didáctico útil para continuar traballando os contidos ambientais ao longo do curso. Nese senso a deputada destacou "a importancia de espertar desde idades temperás a curiosidade pola biodiversidade e polo coidado do noso entorno", subliñando que iniciativas como esta "demostran que a educación ambiental é unha ferramenta clave para formar cidadáns responsables e comprometidos co futuro do planeta".
Rosa Ana García aproveitou a súa visita para poñer en valor o éxito da iniciativa, que chegou a dez centros escolares da provincia e a máis de 500 alumnos e alumnas, destacando que "a Deputación da Coruña continuará apostando por programas que combinan educación, conciencia ambiental e participación activa da mocidade, porque sabemos que o futuro da natureza depende tamén da mirada que lles transmitamos aos máis pequenos".
