A Deputación da Coruña súmase ás reivindicacións do Foro Cidadán polo Ferrocarril pola modernización da infraestrutura ferroviaria de Ferrolterra
Valentín González Formoso participou este domingo na manifestación convocada pola plataforma, onde denunciou "décadas de abandono por parte de distintos gobernos" e reclamou un tren "do século XXI"
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou este domingo na manifestación convocada polo Foro Cidadán polo Ferrocarril para reclamar a modernización e mellora das infraestruturas ferroviarias de Ferrolterra.
Formoso destacou na manifestación que "hai un clamor en Ferollterra, Eume e Ortegal contra a discriminación a esta esquina de Europa que reclama que aproveitemos a ocasión de nos dá que os fondos europeos están enriba da mesa para contar cunha planificación do Estado que nos permita por fin ter acceso a unha infraestrutura ferroviaria do século XXI e non do século XIX"
"Levamos décadas de abandono en materia ferroviaria por parte de distintos gobernos e agora lle toca tanto o Goberno do Estado como ao Goberno autonómico que se impliquen nunha solución ferroviaria que nos homologue co resto de Galicia, que nos permita ser competitivos", afirmou.
O presidente provincial insistiu na importancia estratéxica da liña Ferrol–A Coruña para garantir o equilibrio territorial, a competitividade industrial e a loita contra o despoboamento.
O presidente da Deputación considerou que mobilización cidadá fai visible "unha necesidade histórica" e amosou a total disposición da institución provincial para colaborar nesta xusta reivindicación.
