Estás en:Novas

Mar García Vidal salientou en Carballo a importancia de incluír a vida afectiva e sexual das persoas con discapacidade intelectual nas políticas sociais

Mar García Vidal salientou en Carballo a importancia de incluír a vida afectiva e sexual das persoas con discapacidade intelectual nas políticas sociais

A deputada de Política Social Mar García Vidal asistiu á xornada "Sexualidade sen barreiras", un encontro dirixido a abordar a sexualidade das persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento. O acto celebrouse no Auditorio do Fórum Carballo, organizado pola entidade Íntegro e por Porvir Xestión Social S.L.U., coa colaboración do Concello de Carballo, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.

No encontro participaron profesionais de referencia no eido da educación afectivo-sexual e da atención á discapacidade, que expuxeron experiencias, ferramentas e propostas para avanzar cara a unha sociedade máis inclusiva neste ámbito.

Durante a súa intervención, Mar García Vidal destacou que a afectividade e a sexualidade son parte esencial da vida de todas as persoas, tamén daquelas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, e subliñou que "a inclusión non remata no acceso aos servizos ou ao emprego: tamén inclúe a liberdade para vivir relacións afectivas de forma segura e plena".

A deputada incidiu en que a protección debe significar apoio e acompañamento, e non limitacións ou prohibicións, e defendeu o impulso de recursos formativos para familias e profesionais, así como unha educación afectivo-sexual accesible e adaptada.

García Vidal agradeceu o labor das entidades organizadoras e concluíu asegurando que se continuará traballando desde as institucións para garantir a igualdade de dereitos e oportunidades, tamén no ámbito afectivo e sexual, "porque falar destes dereitos é falar de dignidade e de cidadanía plena".