A Deputación visita a nova sede de ASPERGA, adquirida grazas ao apoio provincial de 300.000 euros
Formoso destaca que a compra do local supón "un salto cualitativo" para garantir a estabilidade e mellorar a atención ás persoas con TEA e ás súas familias
A nova sede, situada na avenida de Oza, no barrio dos Castros, conta con 350 m² accesibles e adaptados para prestar servizos sociosanitarios especializados a máis de 500 familias
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada de Política Social, Mar García Vidal, visitaron hoxe a nova sede da Asociación Galega de Asperger (ASPERGA) na avenida de Oza, un espazo de 350 metros cadrados adquirido coa colaboración económica da institución provincial.
A Deputación financiou con 300.000 euros, o 80% do custo total do inmoble (375.000 €), a compra deste local que se destina a fortalecer e estabilizar os servizos especializados que ASPERGA presta ás persoas con trastornos do espectro autista (TEA) de grao 1 e 2 e ás súas familias.
Formoso subliñou que esta intervención responde "á necesidade urxente que tiña ASPERGA de dispoñer dun espazo propio, estable e ben adaptado e comunicado", e destacou "o apoio fundamental" que a entidade presta desde hai case dúas décadas.
"Con esta achega púidose adquirir unha sede acorde ao traballo extraordinario que desenvolven e ás necesidades das e dos seus usuarios. É unha actuación que garante o futuro da entidade e mellora de forma directa a vida de centos de familias", afirmou.
A presidenta de ASPERGA, Rita González, agradeceu o apoio da Deputación nun proceso "que foi difícil ao longo destes vinte anos, pero que culmina conseguindo esta nova casa para ASPERGA e para as súas e os seus socios, que era fundamental":
Un local accesible, estable e adaptado ás necesidades da entidade
A nova sede está formada por un espazo funcional que conta xa con instalacións e licenzas adaptadas para uso sanitario. A súa localización no barrio dos Castros ofrece un notable salto en accesibilidade respecto ao anterior local de alugueiro situado no polígono de Agrela, onde o elevado custo e a mala conexión dificultaban o día a día das familias e reducían a autonomía das persoas usuarias.
Co novo espazo, ASPERGA garante a continuidade das súas terapias e servizos, mellora o confort e seguridade das intervencións e dispón dun local en propiedade que reduce custos a medio e longo prazo.
500 familias beneficiadas
ASPERGA conta na actualidade con arredor de 500 socios e socias, dos cales 280 usuarios reciben servizos de forma habitual na cidade da Coruña. Ademais, cada ano máis de 240 persoas son atendidas en primeiras consultas e valoracións.
A entidade, creada en 2006, é o único centro especializado da provincia en TEA de grao 1 e 2 sen discapacidade intelectual nin deterioro da linguaxe, e desenvolve programas de diagnóstico e detección temperá, terapia psicolóxica individual e en grupo, logopedia, pedagoxía, terapia ocupacional, orientación laboral e formación para docentes e profesionais.
Compromiso da Deputación coa inclusión das persoas con TEA
A Deputación da Coruña mantén unha colaboración estable co movemento asociativo vinculado ao TEA, financiando programas de inclusión, autonomía persoal, apoio familiar e mellora de instalacións. En Galicia viven máis de 27.000 persoas diagnosticadas con TEA, segundo os datos das entidades.
Formoso concluíu agradecendo "o compromiso, profesionalidade e humanidade" do equipo de ASPERGA, que "leva anos derrubando barreiras e construíndo oportunidades".
