Estás en:Novas

Medidas urxentes en materia de retribucións ao sector público e para favorecer a actividade investidora

XEFATURA DO ESTADO

Real Decreto-lei 14/2025, do 2 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes en materia de retribucións no ámbito do sector público.

- Real Decreto-lei 15/2025, do 2 de decembro, polo que se adoptan medidas urxentes para favorecer a actividade investidora das entidades locais e das comunidades autónomas, e polo que se modifica o Real Decreto 1007/2023, do 5 de decembro, polo que se aproba o Regulamento que establece os requisitos que deben adoptar os sistemas e programas informáticos ou electrónicos que soporten os procesos de facturación de empresarios e profesionais, e a estandarización de formatos dos rexistros de facturación.
Artigo 1. Destino do superávit das entidades locais correspondente a 2024.
En relación co destino do superávit orzamentario das Corporacións Locais correspondente ao ano 2024 prorrógase para 2025, 2026 e 2027 a aplicación das regras contidas na disposición adicional sexta da Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sostibilidade financeira, para o que se deberá ter en conta a disposición adicional décimo sexta do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, aprobado por Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo.
No caso de que un proxecto de investimento non poida iniciarse ou executarse en 2025, poderá iniciarse ou executarse en 2026, e o gasto autorizado en 2025 ou en 2026 poderase comprometer e recoñecer, respectivamente, no exercicio 2026 ou en 2027, financiándose con cargo ao remanente de tesourería do exercicio inmediato anterior, co límite do superávit de 2024, que quedará afectado a ese fin por ese importe e a corporación local non poderá incorrer en déficit ao final de cada un deses exercicios. En todo caso, os proxectos de investimento deberán iniciarse antes de 31 de decembro de 2026.
(...)
Disposición final terceira. Modificación da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.
Engádese unha nova disposición adicional décimo oitava á Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, co seguinte contido:
«Disposición adicional décimo oitava. Réxime aplicable ao persoal funcionario de administración local con habilitación de carácter nacional na Comunidade Autónoma de Catalunya.
No ámbito de Catalunya, a normativa reguladora dos funcionarios da administración local con habilitación de carácter nacional prevista no artigo 92.bis e concordantes desta lei, aplicarase de conformidade co artigo 149.1.18 da Constitución e coa Lei orgánica 6/2006 do 19 de xullo, de reforma do Estatuto de autonomía de Catalunya, tendo en conta que todas as facultades previstas no citado artigo 92.bis, respecto ao devandito persoal, serán asumidas nos termos que estableza a normativa autonómica, incluíndo entre as mesmas a creación, a clasificación e a supresión de postos de traballo reservados a persoal funcionario de administración local con habilitación de carácter nacional, a aprobación da oferta pública de emprego para cubrir as prazas vacantes existentes das prazas correspondentes ás mesmas no seu ámbito territorial, a facultade da súa selección, formación e habilitación, convocar de forma coordinada co Estado os procesos de provisión para as prazas vacantes e resolvelos, a asignación do primeiro destino e as situacións administrativas.