A Deputación colabora co programa social “Parroquias en Movemento” de Val do Dubra, que xa supera as 150 participantes
A deputada de Política Social, Mar García, visitou os obradoiros xunto ao alcalde, Diego Luís Díaz
O programa "Parroquias en Movemento", impulsado polo Departamento de Servizos Sociais do Concello de Val do Dubra coa colaboración da Deputación da Coruña, leva en funcionamento desde setembro e xa conta con máis de 150 persoas maiores de 55 anos inscritas.
A iniciativa busca fomentar a actividade física, mellorar a saúde e potenciar a socialización nas parroquias do municipio. Para iso, ofrécense sesións que combinan exercicio físico suave e moderado con actividades de estimulación cognitiva, co obxectivo de favorecer a mobilidade articular, o fortalecemento muscular, a atención, a memoria e a coordinación.
As actividades desenvólvense nas parroquias que dispoñen de instalacións adecuadas e alcanzan o número mínimo de participantes. Actualmente, o programa está activo en Erviñou no local veciñal, en Portomeiro no local veciñal, en Portomouro no colexio de Portomouro, en San Román no local veciñal, en Vilariño no local social, en Niveiro no local parroquial, en Coucieiro na Casa da Escola de Maxais, en Rial na biblioteca e en Buxán no local parroquial.
A deputada responsable das área de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García Vidal, acompañada do alcalde, Diego Luis Díaz, do tenente alcalde, Antonio Negreira, e das concelleiras Carmen Vilacoba e Raquel Mallo, visitou o municipio para interesarse polo programa, cofinanciado con fondos do POS Social.
A deputada e o alcalde resaltaron a importancia do programa para fomentar a actividade física, a socialización e o benestar da poboación maior no ámbito rural.
A concelleira de Servizos Sociais, Carmen Vilacoba, destacou que "'Parroquias en Movemento' supón unha oportunidade para dinamizar a vida social das parroquias, crear puntos de encontro e contribuír á mellora do benestar físico e emocional das persoas participantes sen que teñan que desprazarse do seu lugar de residencia".
