O presidente da Deputación participou na Festa do Marisco do Barqueiro, unha das grandes citas gastronómicas do norte da provincia
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asistiu esta mañá á tradicional Festa do Marisco do Barqueiro, unha das celebracións gastronómicas máis destacadas do norte da provincia e un referente na posta en valor do produto mariñeiro da ría.
Formoso quixo acompañar ao Concello de Mañón e ás entidades organizadoras nesta nova edición, que volveu reunir a centos de visitantes arredor dun dos mellores mariscos da costa galega. O presidente destacou "o enorme traballo e compromiso do sector do mar, que fai posible que o marisco de Galicia siga sendo sinónimo de calidade", e subliñou o impacto social e económico que a festa ten para a comarca.
Durante a súa visita, o presidente percorreu a carpa gastronómica instalada no porto do Barqueiro, interesouse polo labor das confrarías e mariscadoras e saudou aos participantes no Mercado Rural, que ofrece produtos locais e artesanía.
Formoso transmitiu o apoio da Deputación á continuidade e fortalecemento deste tipo de eventos, que "dinamizan os concellos pequenos, atraen turismo, xeran actividade económica e reforzan unha identidade ligada ao mar que é esencial para entender a provincia da Coruña".
A xornada continúa con música tradicional, o pregón a cargo do barítono Borja Quiza e diferentes actividades culturais e de lecer que enchen de ambiente festivo as rúas do Barqueiro durante toda a fin de semana.
