A Coruña acolle a XXXIII edición do Campionato de España de Dominó por Parellas, con máis de 500 participantes
O presidente provincial, Valentín González Formoso, inaugurou o campionato destacando o arraigo que o dominó ten en Galicia
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta tarde no acto inaugural do XXXIII Campionato de España de Dominó por Parellas, que reúne na cidade a máis de 500 xogadoras e xogadores procedentes de todas as comunidades autónomas.
Formoso deu a benvida ás delegacións destacando a importancia que ten para a provincia "acoller unha cita deportiva que une tradición, convivencia e un dos xogos máis populares e queridos do noso país". O presidente sinalou que A Coruña "é unha cidade aberta, acolledora e perfecta para gozar do deporte, da gastronomía e a cultura durante esta ponte festiva".
Durante o seu discurso, puxo en valor o crecemento que está a vivir o dominó en España, tamén entre as mulleres e a xente nova, un dato que lle trasladaron onte na reunión mantida na Deputación coa Federación Española e a Federación Galega de Dominó. "É unha mostra de que o dominó segue moi vivo e que é capaz de unir xeracións e territorios", afirmou.
Formoso fixo tamén referencia á dimensión histórica e cultural do dominó, lembrando unha das anécdotas máis coñecidas ligadas a este xogo: a partida que en 1992 enfrontou en Láncara a Manuel Fraga e Fidel Castro durante a visita oficial do líder cubano a Galicia. Segundo relatou, a partida "caeu do lado de Fraga", aínda que as crónicas dos medios oficiais cubanos "preferiron non recoller ese detalle".
O presidente aproveitou a ocasión para desexar sorte ás delegacións e, con ton distendido, advertiu que "cando hai galegos xogando ao dominó non convén confiarse demasiado", en referencia á ampla tradición que este xogo ten na provincia e en Galicia.
O evento celebrase no Hotel NH Collection Finisterre, que acolle durante toda a fin de semana as partidas de clasificación e finais deste campionato de España.
Formoso agradeceu ás federacións española e galega que escolleran A Coruña para esta edición e expresou o compromiso da Deputación con eventos que "contribúen a dinamizar a cidade, atraer visitantes e promover deportes e xogos tradicionais que forman parte da nosa cultura".
