A Deputación garante a actividade e programación do Ecomuseo do Forno do Forte coa renovación do acordo co Concello
O responsábel de Patrimonio, Xosé L. Penas, destacou que o convenio "reforza un proxecto exemplar de preservación patrimonial e dinamización cultural na comarca de Bergantiños"
O acordo garante a continuidade dun dos ecomuseos máis singulares de Galiza, clave para conservar e divulgar a olaría tradicional
O deputado de Patrimonio, Xosé L. Penas, asinou hoxe co alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga, a renovación do convenio de colaboración entre ambas as dúas institucións para garantir durante 2026 a xestión integral do Ecomuseo do Forno do Forte de Buño. O acordo permitirá manter a actividade dun dos principais referentes da olaría tradicional galega e consolidar a súa proxección cultural e turística.
Penas destacou que o Ecomuseo é "un espazo singular que combina conservación patrimonial, memoria artesá e dinamización turística" e subliñou o compromiso da Deputación coa continuidade dun proxecto "que converte as persoas visitantes en actrices activas e contribúe a divulgar unha tradición cun enorme valor cultural".
Engadiu que "este convenio traballa máis unha vez na importancia da colaboración institucional para conseguir que o Forno do Forte sexa un centro de interpretación da olaría de Buño como un elemento patrimonial único no país, sempre no punto de mira da promoción e posta en valor deste traballo e desta tradición cultural".
Sinalou tamén que a Deputación está a traballar na mellora da accesibilidade do espazo e sinalou que o convenio "é un punto de partida para o impulso do centro e, sobre todo, para reforzar a colaboración necesaria entre as administracións e a olaría".
En virtude do convenio, a Deputación financiará ata un máximo de 80.000 euros durante o ano 2026. O Concello asumirá a atención ao público, o mantemento das instalacións e a programación de actividades, incluíndo obradoiros, visitas teatralizadas e accións de divulgación da olaría de Buño, ademais de manter os horarios establecidos e elaborar estatísticas mensuais de visitas.
O Ecomuseo do Forno do Forte é un conxunto etnográfico de referencia, composto polo forno, o quinteiro e varias vivendas do século XIX rehabilitadas pola Deputación, que recrean a vida e o traballo das oleiras e labregas da comarca. Coa renovación do convenio para 2026, ambas as institucións reafirman a súa cooperación para preservar este patrimonio e reforzar o seu papel como motor cultural e turístico de Bergantiños.
