Estás en:Novas

A Deputación da Coruña celebra a restitución das esculturas do Mestre Mateo espoliadas polo franquismo

Este xoves celebrouse en Santiago de Compostela un acto para conmemorar a recuperación das estatuas do Pórtico da Gloria que estaban en mans da familia Franco

O deputado Xosé Penas destacou que esta restitución "é un triunfo colectivo" fronte a un réxime criminal que represaliou as persoas e se apropiou de bens públicos

A Deputación da Coruña celebra a restitución das esculturas do Mestre Mateo espoliadas polo franquismo

A Deputación da Coruña participou hoxe no acto de apertura ao público da nova sala do Museo do Pobo Galego que acolle as esculturas de Abraham/Xeremías e Isaac/Ezequiel, dúas pezas do Mestre Mateo espoliadas polo franquismo e recuperadas para o patrimonio común após máis de setenta anos en mans da familia Franco.

O goberno provincial estivo representado polo deputado de Patrimonio, Xosé L. Penas, quen acompañou a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, os exalcaldes Martiño Noriega e Xosé Sánchez Bugallo e a presidenta do Padroado do Museo, Concepción Losada, alén de representantes de diversas institucións galegas.

Penas destacou que esta restitución "é un triunfo colectivo fronte a unha ditadura que exerceu a represión e apropiouse de bens patrimoniais como o pazo de Meirás ou estas esculturas, hoxe xa recuperadas para o pobo galego".

Durante o acto, subliñouse o valor histórico e simbólico desta recuperación, á que tamén contribuíu a música de Antía Muíño e Miguel Arribas, creando unha atmosfera de celebración e recoñecemento. Sanmartín salientou que este paso "debe ser o inicio doutras moitas historias de restitución do patrimonio espoliado polo franquismo, das que este sería un primeiro capítulo, un episodio pioneiro".

As esculturas poden visitarse desde hoxe na ala sur do Museo do Pobo Galego, nunha mostra aberta á veciñanza e ao conxunto da cidadanía.