Estás en:Novas

Formoso reclama medidas “valentes” para fixar a poboación no rural e relanzar a súa actividade

O presidente da Deputación da Coruña participou esta mañá no programa 'Hoy por Hoy' da Cadena Ser con Àngels Barceló, realizado desde Santiago

Formoso reclama medidas “valentes” para fixar a poboación no rural e relanzar a súa actividade

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participu hoxe no programa 'Hoy por hoy' da Cadena Ser, que se emitiu desde o Pazo de Fonseca, en Santiago de Compostela.

Formoso defendeu que a prevención dos incendios pasa por recuperar a vida no rural. Nunha entrevista con Àngels Barceló na que que abordou, precisamente, os plans da Deputación para revitalizar e fixar a poboación nas zonas rurais, Formoso advertiu de que o abandono do territorio, a perda de servizos e as dificultades para acceder ao emprego e transporte están alimentando un círculo vicioso: "se non hai vida no rural, vén o abandono, e co abandono vén o lume", asegurou.

O presidente provincial alertou da perda constante de habitantes e asegurou que "é difícil facer un país competitivo se non se afronta o reto de involucrarnos nas medidas de Estado que nos permitan relanzar o mundo rural. Galicia conta con catro millóns de parcelas catastrais, non podemos mudar a situación se non nos involucramos todos e todas".

González Formoso defendeu o papel realizado pola Deputación da Coruña, que nos últimos 10 anos investiu "850 millóns de euros para executar máis de catro mil obras que permiten ter servizos tan básicos como abastecemento ou iluminación nas parroquias, que se manteña aberta unha escola infantil... Cuestións básicas, pero que establecen unhas condicións mínimas de vida para incentivar que a xente quede". Pero para iso, asegurou, "temos que sumar esforzos, xa que se cada un achega o que pode, podemos reverter a situación". Durante a súa intervención reivindicou que "hai que conseguir que a xente teña un medio de vida, un emprego, no ámbito rural. Fomos quen de crear oito mil postos de traballo, co apoio de todos os partidos políticos, investindo 125 millóns en sete anos e mantendo catro mil persoas autónomas".

Pero estes esforzos, reclamou, débense complementar con "competencias que non temos. Necesitamos un transporte digno, que garanta unhas conexións de calidade, e uns servizos de dixitalización mínimos que proporcionen unha maior flexibilidade" e propuxo "aplicar unha fiscalidade incentivada para aquelas empresas que decidan apostar por permanecer no rural. Por exemplo, unha empresa de Trazo que se mantén aí a pesar de que é moito máis cómodo estar no polígono de Santiago ten que ter algún tipo de incentivo" e iso pasa, asegurou, "porque o Estado se conciencie realmente de que o reto demográfico non é só un selo".

Formoso concluíu advertindo de que Galicia afronta un "choque de realidades" entre un rural que se baleira e unhas cidades saturadas, "ás que é imposible ir polos prezos dos alugueiros", e urxiu a adoptar medidas "valentes" coa revitalización do rural como principal motor de cambio. "Non é suficiente co turismo. É evidente que temos unha ferramenta única como o Camiño de Santiago, pero non é suficiente. Hai que apostar pola industria, a innovación e a tecnoloxía de maneira decidida".

No ámbito do turismo a Deputación aposta por plans que impulsan un modelo de turismo sostible con iniciativas como a promoción do Camiño Inglés ou a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, a maior Vía Verde de Galicia, que dinamiza o turismo e a economía nos concellos polos que discorre.