A Deputación e o Colexio de Xornalistas de Galicia lembran a Nacho Mirás nun libro que compila as súas mellores crónicas
"Mirás: Xornalismo gaiteiro" compila en case duascentas páxinas algúns dos textos máis memorables do xornalista
A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela acolleu hoxe a presentación do libro Mirás: Xornalismo gaiteiro, editado pola Deputación da Coruña en colaboración co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, La Voz de Galicia e a propia facultade. A publicación reúne algúns dos textos máis destacados do xornalista e profesor Nacho Mirás Fole, falecido hai dez anos, e pretende ser unha homenaxe ao seu legado, ao seu estilo e á súa maneira de entender o oficio.
Durante o acto, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou a traxectoria e o talento de Nacho Mirás, subliñando "o valor do legado que deixa ás novas xeracións de xornalistas". Formoso reivindicou "o xornalismo de calidade como un piar fundamental para o avance da sociedade" e incidiu na necesidade de coidar e defender a liberdade de prensa, así como de recoñecer o papel de profesionais comprometidos e apaixonados coma Mirás.
Xunto a Formoso interviñeron outras figuras destacadas do ámbito xornalístico e académico. A decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Belén Regueira Leal leu varios dos textos da escolma. Pola súa banda, a decana da Facultade de Ciencias da Comunicación, Ana Isabel Rodríguez Vázquez, puxo en valor o papel docente de Mirás e o recordo afectuoso que deixou entre o alumnado e o profesorado.
Tamén participou Ignacio Carballo, delegado de La Voz de Galicia en Santiago, que resaltou o carácter literario e o humor singular que definían a escrita de Mirás. A estes discursos sumáronse os de compañeiros e compañeiras de profesión e persoas próximas ao xornalista, como Xosé López García, Tamara Montero, Fernando Varela e Ainhoa Apestegui, que lembraron anécdotas, vivencias e momentos compartidos que axudan a debuxar o retrato humano e profesional do homenaxeado.
Un acto emotivo no que os compañeiros e compañeiras de Mirás lembraron a súa figura e no que se puxo de manifesto a importancia do labor xornalístico rigoroso, feito dende a rúa e profundamente conectado coa realidade social.
