Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia á Asociación de Viveristas do Noroeste na mellora da rastrexabilidade das plantas e a dixitalización do sector

A rastrexabilidade é un requisito fundamental para acceder a certificacións de calidade demandadas polos principais compradores europeos

A Deputación da Coruña apoia á Asociación de Viveristas do Noroeste na mellora da rastrexabilidade das plantas e a dixitalización do sector

A deputada de Mar e Medio Rural da Deputación da Coruña, Cristina Capelán, mantivo unha reunión na sede da institución provincial con representantes da Asociación de Empresarios Viveristas do Noroeste (ASVINOR) para analizar a subvención promovida pola Deputación destinada a impulsar a formación, o asesoramento e a implantación dun programa de rastrexabilidade nos viveiros produtores de planta da provincia.

Durante o encontro, Capelán puxo en valor a importancia desta iniciativa para un sector importante no medio rural coruñés, destacando que a produción de planta é unha actividade clave tanto pola súa capacidade de xeración de emprego como polo seu papel na fixación de poboación no rural. A provincia da Coruña concentra o maior número de produtores autorizados de planta de Galicia, representando máis do 40 % do total autonómico.

A subvención permitirá desenvolver un sistema de rastrexabilidade adaptado ás distintas tipoloxías de viveiros, facilitando o cumprimento dos requisitos normativos e mellorando a competitividade das explotacións. O proxecto inclúe accións de análise das necesidades legais, deseño dunha ferramenta dixital de control, formación específica para viveiristas e asesoramento personalizado para a súa implantación.

Segundo se expuxo na reunión, a rastrexabilidade é un requisito fundamental para acceder a certificacións de calidade demandadas polos principais compradores europeos, como Global GAP ou MPS, así como para a obtención do pasaporte fitosanitario. Dispor dun sistema sinxelo e adaptado permitirá abrir novos mercados ás producións da provincia e reforzar a sustentabilidade económica do sector.

Cristina Capelán subliñou que esta actuación encaixa na estratexia da Deputación de apoio ao sector primario, apostando pola modernización, a innovación e a dixitalización das explotacións, ao tempo que se reduce a carga burocrática que afrontan os produtores.

Pola súa banda, ASVINOR valorou positivamente o apoio da Deputación e destacou que a iniciativa contribuirá a garantir a continuidade dos viveiros produtores, mellorar a comercialización da planta e reforzar o posicionamento da produción coruñesa tanto a nivel estatal como europeo.