Estás en:Novas

A Deputación destaca o papel clave do terceiro sector na atención ás persoas con dano cerebral no 25 aniversario de SARELA

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, participou nunha mesa redonda na que destacou o papel das entidades como SARELA, "que ofrecen un acompañamento continuo humano e especializado ás persoas con dano cerebral e as súas familias"

A Deputación destaca o papel clave do terceiro sector na atención ás persoas con dano cerebral no 25 aniversario de SARELA

A deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García Vidal, puxo en valor o papel fundamental das entidades sociais sen ánimo de lucro na atención ás persoas con discapacidade durante a mesa redonda "25 anos de retos superados", desenvolta con motivo do 25 aniversario de Dano Cerebral Santiago de Compostela – SARELA, na que participaron tamén Begoña Abeijón, directora xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, e María Rozas Pérez, concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude do Concello de Santiago de Compostela.

Durante a súa intervención, García Vidal subliñou que entidades como SARELA "chegan onde a administración non sempre pode chegar, ofrecendo un acompañamento continuo, humano e especializado ás persoas con dano cerebral e ás súas familias", destacando que o seu labor vai moito máis alá da prestación de servizos, ao crear comunidade, confianza e apoio nun momento vital especialmente complexo.

A deputada provincial incidiu tamén na responsabilidade das institucións públicas á hora de soster e potenciar proxectos con traxectoria contrastada, apostando por políticas públicas baseadas na estabilidade, na planificación e no traballo conxunto co tecido social. "Non falamos só de financiamento, senón de confianza e de colaboración real", sinalou.

No eido da inclusión e da participación social, Mar García Vidal salientou que a inclusión "é sentirse parte activa da sociedade e poder reconstruír un proxecto de vida con dignidade", recoñecendo o enfoque integral de SARELA, que traballa coa persoa, coa familia e co seu entorno.

En relación á cooperación entre administracións, apuntou como principal reto a necesidade de mellorar a coordinación para garantir a continuidade dos apoios ás entidades sociais que traballan para mellorar as condicións de vida das persoas máis vulnerables.

Para rematar, a deputada trasladou unha mensaxe de agradecemento ás persoas usuarias, ás familias e aos profesionais da entidade, destacando o compromiso da Deputación da Coruña de seguir camiñando ao carón de SARELA.