Estás en:Novas

A Deputación da Coruña participa na presentación do libro "Cantareiras. Oralidade. Creación. Transmisión"

A Deputación da Coruña participa na presentación do libro

O Museo do Pobo Galego presentou esta tarde a publicación Cantareiras. Oralidade. Creación. Transmisión, que recompila os contidos principais da exposición homónima que se puido visitar no Museo entre abril e setembro de 2025.
O acto contou coa intervención de Concha Losada Vázquez, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego e responsable do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI); Henrique Monteagudo Romero, presidente da Real Academia Galega; Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua; Carme Campo Martínez, técnica do Departamento de Educación e Acción Cultural (DEAC) do Museo do Pobo Galego; e Antonio Leira Piñeiro, deputado provincial da Coruña, que participou en representación da Deputación da Coruña. Tamén asistiu á presentación Iago Lestegás, concelleiro de Santiago, ademais de numerosas persoas que colaboraron na exposición e no catálogo.
Antonio Leira salientou a relevancia dun proxecto que pon en valor o papel das mulleres como creadoras e transmisoras da tradición oral, contribuíndo a facer visibles as súas voces dentro da memoria colectiva do país.
Cantareiras. Oralidade. Creación. Transmisión é unha obra concibida como homenaxe ás cantareiras, cun enfoque que sitúa no centro o papel fundamental das mulleres na creación e transmisión da lírica oral popular. O libro recolle un traballo de investigación que, en palabras de Carme Campo, busca "alumar os nomes propios dentro dun patrimonio colectivo", fronte a unha retórica que historicamente contribuíu ao borrado das mulleres creadoras.
Recollendo o fío da transmisión
A presentación incluíu unha intervención musical sorpresa coa que o Museo do Pobo Galego convidou ao público a formar parte activa da cadea de transmisión deste legado compartido. Á voz de Salomé Pardo Vázquez, procedente do fondo Schubarth-Santamarina do APOI, sumáronse as voces da súa filla, Trinidad Agra Pardo, e da súa neta, Marta Quintáns Agra; a de Aldara Palmeiro, integrante do grupo De Ninghures; e as voces do público asistente, que colleu o testemuño para continuar o fío da transmisión.
A publicación é froito de meses de investigación e colaboración entre os distintos departamentos do Museo do Pobo Galego a partir dos fondos do APOI, da Biblioteca e Arquivo Documental, do Arquivo Fotográfico e da Colección do Museo.