Estás en:Novas

A Deputación impulsa en Arteixo a participación xuvenil desde a perspectiva da igualdade de xénero

A deputada de Igualdade, Sol Agra, participou este xoves nunha acción formativa con alumnado de secundaria que está apoiada pola institución provincial

"Estas liñas permiten que a igualdade se constrúa desde abaixo, contando coa participación activa da mocidade e coa implicación dos centros educativos", destacou Agra

A Deputación impulsa en Arteixo a participación xuvenil desde a perspectiva da igualdade de xénero

A deputada de Lingua, Igualdade e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra, interveu esta mañá no IES Manuel Murguía de Arteixo na segunda sesión do proxecto 'Laboratorio de asembleas feministas', desenvolvido pola cooperativa Aventeira co apoio da institución provincial.

O obxectivo desta acción fo proporcionarlle ao alumnado de ESO ferramentas para a facilitación e a dinamización do grupo, así como a fomentar a participación xuvenil desde unha perspectiva de igualdade, traballando a identificación de estereotipos de xénero, desigualdades e situacións de discriminación presentes na súa contorna cotiá.

Durante a súa intervención, Sol Agra destacou a importancia das liñas de subvención en materia de igualdade da Deputación da Coruña para facer posíbel que entidades como Aventeira poidan traballar cos centros educativos en proxectos de creación, apoio e dinamización de asembleas feministas impulsadas polo propio estudantado. "Estas liñas permiten que a igualdade se constrúa desde abaixo, contando coa participación activa da mocidade e coa implicación dos centros educativos", sinalou.

A deputada puxo tamén en valor o compromiso dos equipos directivos e do profesorado do IES Manuel Murguía, a quen agradeceu o traballo que desenvolven ao longo de todo o ano en materia de igualdade. "Sen a implicación diaria do profesorado e dos equipos directivos, este tipo de proxectos non terían continuidade nin impacto real", afirmou.

Esta acción forma parte dun proxecto subvencionado pola Deputación da Coruña que ten como obxectivo reforzar a educación en igualdade, a prevención das violencias machistas e o impulso da participación social da da mocidade no ámbito da educación non formal en distintos concellos da provincia.