O Mercado de Porco Celta chega este sábado aos mercados de Pontedeume e Elviña coa colaboración da Deputación da Coruña
Haberá actividades de degustación de produtos elaborados con Porco Celta por prestixiosos cociñeiros galegos
O mercado municipal de Pontedeume e o Mercado de Elviña, na cidade da Coruña, acollerán mañá sábado, 20 de decembro, unha nova edición do Mercado de Porco Celta, unha iniciativa de promoción e divulgación da raza autóctona galega impulsada pola Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (ASOPORCEL) e apoiada pola Deputación da Coruña.
As actividades desenvolveranse de maneira simultánea en ambos espazos: en Pontedeume, de 12:00 a 13:30 horas, e no Mercado de Elviña, na Coruña, de 11:30 a 13:30 horas, cun programa aberto ao público que combina divulgación, promoción e degustación de produtos elaborados con Porco Celta.
A presentación da xornada contou coa participación da deputada de Medio Rural, Cristina Capelán, a concelleira de Mercados da Coruña, Diana Cabanas, así como de representantes do sector produtor e gastronómico: Leonardo Tomé, presidente do Mercado de Elviña; Fernando López, gandeiro de Porco Celta e socio de Orixes Galegas; Javier Freijeiro, do restaurante Pracer; e Iván Rodríguez, director técnico de ASOPORCEL.
Durante a xornada, os asistentes poderán coñecer de primeira man as características da carne e dos produtos derivados do Porco Celta, mediante degustacións e demostracións gastronómicas, así como achegarse ao traballo das ganderías que crían esta raza autóctona en réxime extensivo e sostible.
Na degustación de produtos de Pontedeume colabora Santi Fernández, de Terra Food Solutions, mentres que no mercado de Elviña poderanse desgustar as elacoracións de Pablo Vila e Alejandro Méndez, de Cociñeiros Lugo e de Javi Freijeiro de Cociña Coruña.
Esta acción enmárcase no proxecto "O teu mercado en rural", que conta co apoio da Deputación da Coruña, e que ten como obxectivo achegar a produción gandeira do rural galego aos mercados urbanos, fomentando o consumo de produtos de proximidade, de calidade diferenciada e cun alto valor ambiental e social.
Desde ASOPORCEL e a Deputación destacan que iniciativas como esta contribúen non só á promoción do Porco Celta, senón tamén á dinamización económica do medio rural.
O Mercado de Porco Celta servirá este sábado como punto de encontro entre produtores, cociñeiros e consumidores, reforzando a ligazón entre o rural e a cidade a través do sabor e a tradición dos produtos autóctonos.
