A Deputación e o Concello de Tordoia renovan o acordo para garantir a protección do dolmen de Cabaleiros e a atención ás visitas
O goberno provincial achegará até dez mil euros para garantir a xestión, a divulgación cultural e o coidado do entorno do monumento megalítico
O deputado de Patrimonio, Xosé Luís Penas, destaca que este acordo "reafirma o noso compromiso coa protección, conservación e posta en valor" dunha das antas mellor conservadas do país
A Deputación da Coruña vén de renovar co Concello de Tordoia o convenio de colaboración para a xestión integral e a atención de visitantes do dolmen de Cabaleiros, un dos principais elementos do patrimonio megalítico da comarca de Ordes "e unha das antas mellor conservadas de toda Galiza", subliñou o deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Luís Penas. Asemade, destacou que este acordo "garante a continuidade do servizo durante o ano 2026 e reafirma o noso compromiso coa protección, conservación e posta en valor deste valioso ben cultural".
O convenio, con vixencia do 1 de xaneiro do 2026 ao 31 de marzo do 2027, estabelece que o Concello de Tordoia asumirá a xestión da atención ao público, incluíndo a apertura do recinto, a organización de visitas guiadas e as tarefas de información e divulgación cultural. A actividade prestarase por persoal cualificado e incluirá accións dirixidas tanto á poboación local como aos visitantes, con especial atención ao ámbito educativo e á promoción do dolmen como recurso cultural e turístico de referencia.
O acordo recolle tamén a obriga de manter o monumento e o seu entorno en perfectas condicións de conservación e limpeza, así como a realización de actuacións de mellora no espazo, como a roza e limpeza periódica da contorna, a reparación de cerramentos, a mellora da sinalización e o acondicionamento do aparcadoiro e da caseta informativa. Así mesmo, estabelécese o uso normalizado da lingua galega tanto nas visitas guiadas como nos materiais informativos e de difusión.
Ao abeiro deste convenio, a Deputación da Coruña financiará os custos non cubertos polos ingresos da actividade, até un máximo de 10.000 euros, para o período comprendido entre o 1 de xullo e o 30 de setembro de 2026. A achega provincial destinarase a garantir o correcto funcionamento do servizo de atención a visitantes e o cumprimento dos obxectivos de divulgación, conservación e posta en valor do dolmen.
As visitas guiadas realizaranse os sábados, domingos e festivos, entre o 1 de xullo e o 30 de setembro, das 11 ás 19 horas, con entrada de balde. A anta poderá visitarse todos os días, reforzando así a súa condición de recurso patrimonial e turístico.
