Estás en:Novas

Xosé Penas reivindica o legado de Castelao, “o noso primeiro presidente”, na homenaxe que clausurou o ano dedicado ao ilustre galeguista

O deputado de Patrimonio afirmou que as homenaxes a Castelao non se poden cinxir a só un ano, porque o rianxeiro foi «o referente que todo país precisa e que debemos ter presente no noso día a día»

O acto, organizado pola Fundación Castelao, coincidiu co 41.º aniversario da constitución da entidade e contou cun recital de violín e piano

Xosé Penas reivindica o legado de Castelao, “o noso primeiro presidente”, na homenaxe que clausurou o ano dedicado ao ilustre galeguista

Un momento da intervención de Xosé Penas

A Deputación da Coruña participou este domingo, 28 de decembro, no acto que tivo lugar no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres para pechar o Ano Castelao. Consistiu nunha ofrenda musical organizada pola Fundación que leva o seu nome, de cuxa constitución se cumpren xusto hoxe 41 anos, e apoiada pola institución provincial.

O acto contou coa presenza do presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas, do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, da alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, así como doutras autoridades e representantes institucionais. A representación da Deputación correspondeulle ao responsábel de Patrimonio, Xosé Luís Penas.

O deputado subliñou a importancia de manter viva a figura de Castelao alén de efemérides concretas e advertiu da necesidade de situar en primeiro plano referentes sólidos nun contexto social marcado pola desinformación e pola falta de ideais compartidos. Incidiu en que as homenaxes a Castelao non se poden cinxir a só un ano, porque o rianxeiro, a quen reivindicou como o primeiro presidente de Galiza, foi «o referente que todo país precisa e que debemos ter presente no noso día a día».

Penas salientou que a conmemoración do 75.º aniversario do pasamento de Castelao deu lugar, ao longo deste ano, a un amplo conxunto de actos celebrados dentro e fóra do país, que permitiron enxalzar unha «figura esencial» para comprender a identidade, a historia e a dimensión política do país.

Neste sentido, destacou que a responsabilidade das institucións públicas pasa por poñer en valor referentes que funcionen como guía colectiva. «Vivimos tempos de escuridade, de mentiras e de falta de referentes, e máis ca nunca temos a obriga, desde as responsabilidades políticas, de poñer en valor figuras que son un faro no medio desa néboa, figuras como a de Castelao», indicou.

Diálogo entre a política e a música

Durante a súa intervención, o deputado referiuse ao diálogo simbólico establecido no acto entre Castelao e a música, a través dun programa que vinculou creación universal e cultura galega e que permitiu asociar o pensamento do intelectual rianxeiro cos valores de liberdade, igualdade e fraternidade presentes tanto na súa obra artística como na súa traxectoria política.

Esa ligazón materializouse tras a apertura institucional nun recital a cargo do violinista Anxo Gómez Piñeiro, acompañado ao piano por Haruna Takebe, cun percorrido musical que incluíu obras de Johann Sebastian Bach, Ludwig van Beethoven, Pablo de Sarasate e Manuel Quiroga, así como a peza tradicional galega 'Foliada de Negreira', antes do peche oficial da ofrenda musical.

Penas rematou a súa intervención agradecendo o traballo desenvolvido pola Fundación Castelao e por todas as persoas e entidades implicadas nas iniciativas realizadas ao longo do ano, e incidiu en que «a grandeza dun pobo mídese polo coidado, a protección e a posta en valor do que é seu: do seu patrimonio, da súa lingua e das persoas que fixeron posíbel, coa súa loita, que hoxe esteamos aquí».