Estás en:Novas

A Deputación da Coruña acompaña ás seleccións galegas de balonmán na Gala “Camiño ao CESA 2026”

Antonio Leira destaca a "aposta decidida" da Deputación polo balonmán na provincia e polo deporte base

A Deputación da Coruña acompaña ás seleccións galegas de balonmán na Gala “Camiño ao CESA 2026”

O deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, participou onte na Gala "Camiño ao CESA 2026", o acto oficial de presentación das seleccións galegas de balonmán que representarán a Galicia no Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA) 2026, que se celebrará en Cataluña entre o 3 e o 8 de xaneiro de 2026.

A Deputación da Coruña estivo representada por Antonio Leira nesta gala celebrada no Recinto Feiral de Silleda, que reuniu arredor dun milleiro de persoas e na que se deron a coñecer aos xogadores e xogadoras das categorías infantil, cadete e xuvenil, tanto masculinas como femininas.

Durante o acto, Antonio Leira destacou "a importancia de apoiar o deporte base e iniciativas que fomentan a participación, a convivencia e a formación integral da mocidade". O deputado subliñou tamén a aposta decidida da Deputación da Coruña polo balonmán, cun apoio continuado a este deporte en toda a provincia a través de diferentes programas e competicións.

Neste sentido, puxo como exemplo a Copa Deputación 5×5 de Balonmán na Rúa, unha iniciativa que leva o balonmán aos espazos públicos das vilas e cidades da provincia, achegando o deporte á cidadanía dun xeito aberto, participativo e inclusivo, e fomentando hábitos de vida saudables entre nenos e nenas.

Leira sinalou que "o balonmán transmite valores fundamentais como o traballo en equipo, o esforzo, o respecto e a superación, que son tamén os valores que queremos promover desde as institucións públicas", e amosou o orgullo da Deputación polo nivel deportivo e humano das seleccións galegas que competirán no CESA 2026.

A Gala "Camiño ao CESA 2026", celebrada baixo o lema "O que chama dentro... lévanos lonxe", serviu para presentar ás seleccións galegas antes dunha das citas máis importantes do calendario estatal do balonmán base.