A Deputación da Coruña colabora nas actividades do 40 aniversario do Museo Etnográfico Monte Caxado para recuperar a memoria colectiva das Pontes e a súa comarca
As actividades inclúen unha publicación conmemorativa do 40 aniversario do museo e un proxecto para a recuperación e difusión de gravacións audiovisuais dos anos 80 e 90
O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, e o presidente do padroado do Museo Etnográfico Monte Caxado, José María López Ferro, asinaron o convenio de colaboración polo que a institución provincial apoiará economicamente o programa de actividades co que o centro celebra o seu 40 aniversario.
A achega da Deputación ascende a 15.538 euros, o que supón o 80 % do orzamento total previsto, que se sitúa en 19.423 euros. O convenio permitirá desenvolver un completo programa baixo o lema "40 aniversario do Museo Etnográfico Monte Caxado: memoria, patrimonio e comunidade", centrado na conservación, divulgación e posta en valor da memoria colectiva das Pontes e da comarca do Eume.
Tras o acto, Formoso destacou que "o Museo Etnográfico Monte Caxado é un exemplo de como a defensa do patrimonio nace moitas veces do compromiso da xente e da comunidade educativa, e remata converténdose nun proxecto cultural de referencia para todo un territorio". Neste sentido, subliñou que "desde a Deputación temos a obriga de apoiar iniciativas que preservan a memoria, fortalecen a identidade local e fan da cultura unha ferramenta de cohesión social".
Formoso destacou os "corenta anos de traballo rigoroso e profundamente ligado á historia recente das Pontes", un concello que viviu intensos procesos de transformación asociados á industrialización e á explotación mineira.
O Museo Etnográfico Monte Caxado naceu en 1985 no Colexio Público Monte Caxado por iniciativa do mestre José María López Ferro, nun momento no que moito do patrimonio material e inmaterial das aldeas da contorna estaba en risco de desaparecer. Catro décadas despois, o museo conta cun fondo que supera os 5.000 obxectos, 4.000 fotografías antigas e 4.000 documentos, converténdose nun verdadeiro arquivo da memoria local. Desde 2015, a súa continuidade está garantida a través da Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado, recoñecida como entidade de interese cultural e galego pola Xunta de Galicia.
O convenio asinado permitirá financiar dúas grandes liñas de actuación. A primeira delas é a edición dunha publicación especial conmemorativa do 40 aniversario, que recollerá a historia, evolución e impacto do museo ao longo destas catro décadas. O volume, realizado por José María López Ferro e cun prólogo do museólogo Felipe Senén, editarase cunha tirada de 3.000 exemplares e integrarase na colección Cadernos do MEMC, consolidada como referente na divulgación da memoria etnográfica da comarca.
A segunda actuación céntrase na edición, conservación e difusión do fondo audiovisual do museo, composto por gravacións en formato VHS das décadas de 1980 e 1990 doadas pola veciñanza. Este material documenta festas, feiras, actos culturais, eventos institucionais e a vida social das Pontes durante un período clave da súa historia recente. O proxecto inclúe a edición e mellora técnica dos vídeos, a súa catalogación e a publicación progresiva nunha canle aberta, co obxectivo de garantir o acceso público e a conservación a longo prazo deste patrimonio audiovisual.
Para o presidente da Deputación, "este proxecto exemplifica á perfección o que entendemos por cultura pública: conservar o pasado, facelo accesible no presente e transmitilo ás futuras xeracións". Engadiu tamén que "o 40 aniversario do Museo Monte Caxado é unha oportunidade para agradecer á veciñanza das Pontes a súa implicación e xenerosidade, porque sen as súas doazóns e colaboracións este museo non existiría".
Pola súa banda, o presidente do padroado do Museo salientou a importancia de que as administracións colaboren para garantir a continuidade de proxectos culturais que nacen desde o local pero teñen un valor patrimonial que transcende o ámbito municipal.
O acto de sinatura do convenio tivo lugar nas instalacións do museo, simbolizando o compromiso compartido entre a Deputación da Coruña, o Concello das Pontes e a Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado coa preservación da memoria, do patrimonio e da identidade cultural da comarca do Eume.
