Estás en:Novas

A Deputación da Coruña financiará con 2 millóns de euros actividades de promoción económica de concellos e entidades durante 2026

As subvencións están destinadas a entidades e asociacións empresariais e concellos de menos de 50.000 habitantes e poden solicitarse entre o 16 de xaneiro e o 16 de febreiro

A Deputación da Coruña financiará con 2 millóns de euros actividades de promoción económica de concellos e entidades durante 2026

A Deputación da Coruña acaba de aprobar o programa de subvencións para realizar actividades de promoción económica durante o ano 2026. Trátase de dúas liñas que suman un orzamento total de 2 millóns de euros: a primeira delas dirixida a entidades e asociacións empresariais sen ánimo de lucro da provincia e a segunda a concellos de menos de 50.000 habitantes.

A primeira das convocatorias conta cun orzamento total de 975.000 euros e permitirá conceder axudas que oscilarán entre os 1.500 e os 21.000 euros por proxecto, financiando entre o 20% e o 60% do orzamento das actividades subvencionables.

O programa ten como obxectivo impulsar o desenvolvemento económico, apoiar o comercio e a hostalaría, fomentar o emprego e promover a comercialización e difusión dos produtos e servizos locais, a través de accións como xornadas, feiras, campañas de dinamización comercial, actividades promocionais ou eventos de interese turístico.

Poderán beneficiarse destas axudas colexios profesionais, asociacións e federacións empresariais e cámaras de comercio que desenvolvan a súa actividade na provincia da Coruña, sempre que cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras.

O prazo de presentación de solicitudes abrirase o 16 de xaneiro de 2026 ás 8:00 horas e rematará o 16 de febreiro de 2026 ás 14:00 horas. Tanto a solicitude como o resto da tramitación do procedemento deberán realizarse exclusivamente por vía telemática, a través da plataforma SUBTEL, accesible desde a sede electrónica da Deputación da Coruña.

As actividades subvencionadas deberán executarse ao longo do ano 2026 e a concesión das axudas realizarase en réxime de concorrencia competitiva, atendendo a criterios como o número de persoas asociadas, o interese e calidade da proposta, a presenza en redes sociais e o coeficiente de financiamento solicitado.

Axudas específicas para concellos de menos de 50.000 habitantes

De xeito complementario, a Deputación da Coruña pon tamén en marcha unha segunda liña de subvencións dirixida específicamente aos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para o desenvolvemento de actividades de promoción económica durante o ano 2026.

Esta convocatoria conta cun orzamento de 1.025.000 euros e permitirá conceder axudas de entre 3.000 e 30.000 euros por concello, financiando igualmente entre o 20% e o 60% do orzamento dos proxectos presentados. As actuacións subvencionables inclúen campañas de dinamización do comercio e da hostalaría, feiras e festas de interese turístico, accións promocionais e actividades de apoio ao tecido económico local.

Con estas dúas liñas de axudas, a Deputación da Coruña continúa a súa aposta polo desenvolvemento económico da provincia, apoiando tanto ao tecido empresarial como aos concellos na creación de emprego, na mellora da competitividade e na dinamización comercial e turística do territorio.