Estás en:Novas

A Deputación da Coruña recibe solicitudes de 77 entidades para programas de igualdade de xénero en 2026

Segundo a deputada de Igualdade, Sol Agra, o volume de peticións «demostra o elevado grao de implicación do tecido asociativo»

Máis de medio cento de entidades concorren ao programa de mantemento, dotado cun orzamento de 600 000 euros, e unha vintena á liña de investimentos, cunha asignación total de 100 000 euros

A Deputación da Coruña recibe solicitudes de 77 entidades para programas de igualdade de xénero en 2026

A Deputación da Coruña recibiu un total de 77 solicitudes de entidades sen ánimo de lucro no marco dos programas de subvencións destinados ao desenvolvemento de políticas de igualdade de xénero durante o ano 2026. Segundo a deputada de Igualdade, Sol Agra, esta cifra «demostra o elevado grao de implicación do tecido asociativo da provincia na promoción da igualdade e na loita contra a violencia de xénero, así como o papel fundamental destas entidades na aplicación efectiva das políticas públicas neste ámbito».

As solicitudes presentadas distribúense en dúas liñas de financiamento complementarias. Por unha banda, 56 entidades concorreron ao programa de mantemento, dotado cun orzamento de 600 000 euros, mentres que outras 21 solicitaron axudas no marco do programa de investimentos, que conta cunha asignación total de 100 000 euros.

No caso do programa de mantemento, as solicitudes abranguen actuacións vencelladas tanto á promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes como á loita contra a violencia de xénero. Entre elas inclúense iniciativas orientadas ao empoderamento e á participación social, ao fomento da igualdade e á sensibilización en materia de diversidade sexual, á promoción do emprego en condicións de igualdade, á conciliación e á corresponsabilidade, así como accións de prevención, sensibilización, identificación e atención integral das situacións de violencia de xénero. As subvencións previstas nesta liña sitúanse entre os 1000 e os 40 000 euros por entidade beneficiaria.

Pola súa parte, o programa de investimentos está destinado a financiar obras de acondicionamento, mantemento e reparación, así como a adquisición de equipamento dirixido á mellora dos servizos, programas e actividades relacionados coa igualdade de xénero. Neste caso, as axudas poden acadar ata os 28 000 euros por entidade.

Na avaliación das solicitudes teranse en conta criterios como a calidade dos proxectos presentados, a traxectoria e solvencia das entidades, a coordinación cos servizos municipais, o uso da lingua galega e a incorporación da transversalidade de xénero.

Estes programas intégranse no Plan estratéxico provincial de subvencións 2025-2027 e contribúen ao obxectivo de garantir unha prestación integral dos servizos sociais e de promover a igualdade de oportunidades na provincia da Coruña. As actuacións subvencionadas deberán desenvolverse entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026.