Formoso reivindica a vixencia do legado de Castelao no 76 cabodano do intelectual galeguista
O presidente da Deputación participou no acto organizado pola Fundación Castelao en Santo Domingos de Bonaval
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe en Santiago de Compostela no acto de homenaxe con motivo do 76 cabodano de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, organizado pola Fundación Castelao no Panteón de Galegos Ilustres, na igrexa de Santo Domingos de Bonaval. No acto participaron tamén o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane, o conselleiro de Cultura, José López Campos, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras.
Durante a súa intervención, Formoso destacou a figura de Castelao como "unha idea de país" e subliñou que o seu legado "non pertence só ao pasado, senón que segue plenamente vixente", lembrando que a súa obra intelectual, artística e política continúa a ser un referente ético e moral para a Galicia actual.
O presidente provincial puxo en valor a capacidade de Castelao para retratar a alma do pobo galego e para dignificar unha Galicia humilde pero nunca resignada, salientando o seu compromiso coa xustiza social, coa democracia e coa defensa da identidade galega. "Castelao foi, como dicía Ramón Piñeiro, un galego radical no sentido máis nobre da palabra, porque foi á raíz do que somos", afirmou.
Formoso fixo especial fincapé na defensa do idioma galego realizada por Castelao, unha defensa "profunda, política e emocional", lembrando que a lingua é a base da maneira de sentir, pensar e estar no mundo do pobo galego. Neste sentido, sinalou que a cultura e a lingua non son conquistas definitivas, senón tarefas permanentes que requiren compromiso diario.
O presidente da Deputación tamén evocou o exilio de Castelao como unha etapa de resistencia e compromiso coa Galicia silenciada pola represión, subliñando o seu papel como faro moral e político desde Bos Aires, onde traballou incansablemente por manter viva a lexitimidade democrática galega e a memoria do Estatuto.
Finalmente, Valentín González Formoso salientou que Castelao "non divide, senón que convoca; non exclúe, senón que suma", e destacou que a presenza de representantes de distintas institucións no acto é unha mostra da súa capacidade para ser un punto de encontro para unha Galicia plural e diversa. "Lembrar hoxe a Castelao é preguntarnos que facemos cada día co seu legado e asumir a responsabilidade de construír unha Galicia consciente de si mesma, aberta ao mundo e orgullosa das súas raíces", concluíu.
