Estás en:Novas

A música e o baile tradicionais de Galicia, bens de interese cultural do patrimonio inmaterial

DOG 12/01/2025

DECRETO 131/2025, do 22 de decembro, polo que se declaran ben de interese cultural do patrimonio inmaterial a música e o baile tradicionais de Galicia.

"(...)
Os organismos e as administracións públicas poderán asinar convenios con fundacións, asociacións ou padroados de titularidade privada de cara a asegurar a preservación, o inventario, a catalogación, a análise, a dixitalización e a difusión dos arquivos que alberguen materiais documentais, sonoros, musicais e/ou audiovisuais e que, así mesmo, proveñen das recolleitas efectuadas pola sociedade civil desde os anos 70/80 do século pasado ata a actualidade, preservando sempre, e en todo caso, tanto os dereitos das persoas físicas, colectivos, asociacións e outras institucións que desenvolveron as recolleitas, como os das persoas que aparecen nos documentos. (...)
Os organismos e as administracións públicas colaborarán no impulso de traballos e encontros científicos centrados no baile e na música tradicionais de Galicia, así como nas publicacións específicas que poidan xurdir destes.(...)
Nas axudas e subvencións que as diferentes administracións públicas prestan ás asociacións, valoraranse positivamente aquelas accións concretas que se realicen no campo do ensino e da transmisión de coñecementos relacionados directamente coa música e co baile tradicionais de Galicia, atendendo á súa senlleira significación como ben de interese cultural, procurando a reintegración do ben nos valores culturais da sociedade contemporánea, e evitando ao mesmo tempo tanto a súa fosilización como a súa deturpación e o alleamento cultural. Enténdense por asociacións as asociacións culturais, os coros históricos de música tradicional, os grupos e asociacións folclóricas e as agrupacións de música en baile tradicionais, pois é neles onde se produce o ensino principal das técnicas e valores culturais propios do ben de interese cultural.(...)"