A Deputación financia a adquisición dunha nova carretilla eléctrica para a Confraría de Pescadores da Coruña
A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, visitou hoxe a entidade, que tamén recibe axudas provinciais para a contratación de persoal
A deputada responsable da área de Mar e Medio Rural da Deputación da Coruña, Cristina Capelán, visitou esta mañá as instalacións da Confraría de Pescadores da Coruña, onde entregou unha nova carretilla eléctrica, adquirida cunha subvención provincial de 16.000 euros.
O novo equipamento mellora as condicións e axiliza os procesos de traballo, segundo lle trasladaron á deputada os responsables da confraría, que explicaron que este investimento permite optimizar as tarefas de carga, descarga, transporte e encastelamento de capturas, aparellos de pesca e materiais, tanto no interior das instalacións como no exterior, na Dársena de Oza.
"Trátase dunha mellora que incrementa a seguridade laboral, reduce tempos e custos operativos e repercute directamente na mellora da actividade", afirmou a deputada, que destacou o apoio que a Deputación da Coruña presta ás confrarías de pescadores e mariscadores da provincia, cunha liña de axudas específica dotada con 800.000 euros, que permite tanto acometer investimentos que contribúen a modernizar e mellorar a produtividade do sector como apoiar a contratación de persoal.
A Confraría de Pescadores da Coruña foi beneficiaria doutras subvencións provinciais nos anos 2024 e 2025, destinadas ao mantemento dos postos de traballo do persoal administrativo da entidade, unhas axudas coas que a Deputación busca apoiar a estabilidade laboral e o bo funcionamento destas organizacións fundamentais para o tecido produtivo da provincia.
