Regueira defende en Santiago a tapa como expresión da alta cociña e do produto de proximidade
A Deputación da Coruña apoia a celebración do XVII Santiago(é)Tapas, que nestes días desenvolve as probas de preselección con récord de participación
O vicepresidente da Deputación destacou que os produtos galegos e o noso sector da restauración «son de primeira calidade e están ao nivel de calquera outro a nivel internacional»
O vicepresidente da Deputación da Coruña e responsábel de Turismo, Xosé Regueira, fixo este mércores unha visita institucional á Aula Gastrocultural Mercado de Abastos de Santiago de Compostela, onde se están a desenvolver as probas de preselección do certame Santiago(é)Tapas. Este veterano concurso, que promove e organiza Turismo de Santiago co apoio da Deputación da Coruña, celebra a súa décimo sétima edición do 19 de febreiro ao 8 de marzo.
Este ano concorren 48 locais —seis máis— e 73 tapas, a cifra máis alta desde que o concurso se celebra en febreiro, salientan desde a organización da emblemática cita gastronómica compostelá.
Na visita institucional, o vicepresidente estivo acompañado pola concelleira de Turismo, Míriam Louzao; a xerenta de Turismo de Santiago, Flavia Ramil; a xerenta da Praza de Abastos, Marta Rey; o director de Agacal, Martín Alemparte; e o coordinador do xurado técnico, o profesor do CIFP Compostela Xosé Quintáns. Tamén asistiron representantes doutras entidades e empresas que colaboran co certame.
Na súa intervención, o vicepresidente puxo en valor estes petiscos. «Temos que reivindicar a tapa, que non é un produto menor», apuntou, ao tempo que subliñou que experiencias como Santiago(é)Tapas demostran que este aperitivo «pode ser tamén un elemento de alta cociña co que poñer en valor toda a cadea enogastronómica e de distribución, o produto de proximidade; produto que vén das nosas hortas, dos nosos produtores e produtoras», subliñou.
Co apoio ao certame, a Deputación contribúe a reafirmar a idea de que a persoa que se achega a Galiza ou á provincia da Coruña para probar gastronomía «tamén proba identidade, historia, territorio». Así mesmo, salientou que os produtos galegos e o noso sector da restauración «son de primeira calidade e están ao nivel de calquera outro a nivel internacional».
Degustación e selección das tapas participantes
Os asistentes a este acto puideron probar a tapa de La Bodeguilla de Santa Marta, un dos locais que rexenta Javier Míguez, hostaleiro compostelán que nunca faltou á cita co Santiago(é)Tapas.
Entre os 48 locais presentarán, ata este venres na Aula Gastrocultural do Mercado de Abastos, un total de 73 tapas —cinco máis ca o ano anterior—. Durante estes días o xurado técnico está a avaliar as receitas e degustando os petiscos para seleccionar os que finalmente participarán no certame.
