A Deputación da Coruña celebra “o salto internacional” da Clásica de Pascua de Padrón, que se incorpora á Challenge Futura
A histórica proba ciclista padronesa celebrarase o 12 de abril como carreira UCI 1.2, con presenza de equipos profesionais, elite e sub-23
O deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, participou hoxe en Madrid na presentación da Challenge Futura xunto coa delegación institucional e deportiva de Padrón
A Deputación da Coruña participou este mércores na sede do Consello Superior de Deportes (CSD), en Madrid, no acto oficial de presentación da Challenge Futura, nova competición estatal de ciclismo na que se integra por primeira vez a Clásica de Pascua de Padrón como proba de categoría UCI 1.2 do calendario internacional da Unión Ciclista Internacional.
O deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, asistiu ao acto formando parte dunha ampla delegación institucional e deportiva de Padrón, integrada polo alcalde de Padrón, Anxo Arca; o concelleiro de Deportes, Luis Mariño; o presidente do Club Ciclista Padronés Cortizo, Tanis Vázquez; o director deportivo do equipo, Marcos Serrano; e o tesoureiro, Manuel Montenegro. Tamén estiveron presentes o fundador e propietario do Grupo Cortizo, José Manuel Cortizo. e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz.
A Challenge Futura é unha iniciativa creada pola Federación Española de Ciclismo dentro do seu calendario oficial, na que competirán conxuntamente equipos profesionais, continentais e amateurs. Ademais da Clásica de Pascua, a competición inclúe o Gran Premio Primavera de Ontur–Deputación de Albacete, ambas as dúas recoñecidas pola UCI como carreiras de categoría 1.2.
A 63ª edición da Clásica de Pascua celebrarase o vindeiro 12 de abril, coincidindo coa clausura das festas do Domingo de Pascuilla, e volverá converter esa xornada nun dos grandes eventos deportivos máis destacados da comarca e da provincia.
Durante a presentación, Antonio Leira destacou que este avance "supón un orgullo para a provincia da Coruña e un paso de enorme importancia para o ciclismo galego, ao situar unha proba histórica nun escenario internacional". O deputado provincial de Deportes puxo tamén en valor "o traballo exemplar do Club Ciclista Padronés Cortizo e o apoio continuado do Grupo Cortizo, do Concello de Padrón e da Deputación da Coruña, demostrando que a colaboración institucional é clave para consolidar eventos deportivos de referencia como este".
Pola súa banda, o alcalde de Padrón, Anxo Arca, subliñou que este recoñecemento internacional consolida o municipio "como berce do ciclismo galego" e reforza a súa proxección exterior a través dun evento que forma parte da identidade deportiva e cultural da vila.
Desde o Club Ciclista Padronés Cortizo, o seu presidente, Tanis Vázquez, cualificou a inclusión da Clásica de Pascua no calendario internacional da UCI como "unha gran noticia para o club e para Padrón", avanzando a participación de 12 equipos profesionais e 10 equipos afeccionados, con presenza de escuadras nacionais e internacionais de primeiro nivel.
