Estás en:Novas

Bergondo acolleu un dos cursos de defensa persoal feminina da Deputación

Bergondo acolleu un dos cursos de defensa persoal feminina da Deputación

O deputado responsable da área de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, e a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, participaron hoxe no edificio A Senra na celebración do curso de defensa persoal feminina incluído na segunda edición deste ciclo formativo promovido pola Deputación da Coruña.

A xornada forma parte dun programa de cursos intensivos dirixidos a mulleres, que teñen como obxectivo promover a seguridade persoal e a autonomía a través do deporte e da formación práctica, achegando ferramentas útiles para saber actuar ante situacións de risco.

Durante o curso, as participantes traballaron técnicas físicas de defensa persoal e tamén aspectos psicolóxicos fundamentais, como a prevención, a xestión do medo e a capacidade de reacción antes, durante e despois dunha posible agresión. Os contidos foron impartidos por profesionais especializados en defensa persoal e seguridade.

Antonio Leira destacou que "desde a Deputación da Coruña seguimos impulsando iniciativas que van máis alá da práctica deportiva, co obxectivo de dotar ás mulleres de ferramentas reais que reforcen a súa confianza, autonomía e seguridade no día a día". O deputado puxo en valor tamén a colaboración cos concellos para achegar este tipo de programas a todo o territorio provincial.

Pola súa banda, a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, agradeceu á Deputación a elección do municipio para acoller esta actividade e subliñou "a importancia de promover accións formativas que contribúan á igualdade, á prevención da violencia e ao benestar das mulleres".

O ciclo de cursos continuará desenvolvéndose nos vindeiros meses noutros concellos da provincia.