A Deputación da Coruña destaca a traxectoria e o compromiso con Galicia de Cándido Hermida na entrega do Premio Liderazgo Empresarial da CEC
A deputada de Emprego, Rosa Ana García, afirma que Hermida representa "a esencia do empresario galego feito a si mesmo, forxado no oficio, no esforzo e na constancia" e a súa traxectoria é unha inspiración para os emprendedores de hoxe
A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, participou esta noite na Finca Montesqueiro de Oleiros no acto de entrega do XV Premio Liderazgo Empresarial da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), que nesta ocasión recaeu no empresario Cándido Hermida.
Durante a súa intervención, Rosa Ana García destacou que este galardón recoñece "algo esencial para o progreso da nosa terra: o liderado empresarial exercido con visión e compromiso coa súa terra", subliñando que a traxectoria de Cándido Hermida representa un modelo de desenvolvemento profundamente vencellado a Galicia e á provincia da Coruña.
A deputada puxo en valor o percorrido profesional do empresario, desde os seus comezos como aprendiz de ebanista ata a consolidación dun gran grupo industrial con proxección internacional e destacou "a súa capacidade para converter a tradición artesanal nunha empresa innovadora e competitiva, que hoxe xera de centos de empregos."
Rosa Ana García definiu a Cándido Hermida como "a esencia do empresario galego feito a si mesmo, forxado no oficio, no esforzo e na constancia", e destacou que a súa traxectoria á fronte do grupo empresarial que leva o seu nome e o seu compromiso permanente con Galicia constitúen un exemplo e unha inspiración para as novas xeracións de emprendedores.
No seu discurso, a deputada incidiu tamén en que o éxito empresarial cobra verdadeiro sentido cando vai acompañado de creación de emprego, arraigo territorial e responsabilidade social, valores que, segundo indicou, caracterizan o proxecto liderado por Hermida.
A representante da Deputación da Coruña salientou igualmente o papel do Grupo Cándido Hermida como motor de desenvolvemento económico e industrial en Ferrolterra e noutras comarcas da provincia, contribuíndo durante décadas á diversificación do tecido produtivo, á cualificación profesional de miles de persoas e á fixación de poboación, aspectos clave para o futuro do territorio.
Finalmente, Rosa Ana García felicitou a Cándido Hermida por este recoñecemento e agradeceulle a súa contribución ao desenvolvemento económico e social da provincia ao longo de tantos anos, desexándolle que continúe sendo "un referente para Galicia e unha inspiración para os emprendedores e emprendedoras que están a construír as empresas do futuro".
